Comisión non permanente para a reactivación covid19 Parlamento de Galicia

Intervención de Susana Aldecoa no Parlamento de Galicia

Na mediateca do Parlamento de Galicia pódese ver a intervención da presidenta de Agamfec, Susana Aldecoa, na Comisión non permanente especial de estudo sobre a reactivación económica social e cultural de Galicia pola crise da COVID-19. Podes vela facendo clic neste enlace ou na imaxeSusana Aldecoa, presidenta de Agamfec, na comisión non permanente covid19 do parlamento de Galicia


A pedra angular da reconstrución debe ser a Atención Primaria

  • A presidenta de Agamfec, Susana Aldecoa, interveu na Comisión non permanente especial de estudo sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da COVID-19 no Parlamento galego

A presidenta de Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), advertiu esta mañá na Comisión non permanente especial de estudo sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da COVID-19 no Parlamento galego a importancia de contar cunha Atención Primaria adecuadamente financiada e dotada de recursos humanos e materiais, con capacidade de toma de decisións e coordinada con servizos sociais e saúde pública. Só así se poderá dar unha resposta adecuada ás crises como a que se está a vivir pola pandemia do SARS-CoV-2.

Na súa intervención, Aldecoa lembrou a perplexidade dos profesionais de Atención Primaria durante a primeira ola da pandemia ao ver como “era ignorada” e a atención se centraba nos hospitais, que atendían ao 20% dos casos fronte ao 80% da Atención Primaria, onde o facían con escaseza de EPIS, sen medios diagnósticos e sen reforzos. “Ignoráronnos cando diciamos que era necesario diagnosticar os casos sospeitosos, que era imprescindible rastrexar os contactos. Houbo tempo de reunirse, de escoitar, de prepararse para a segunda ola. Pero no se escoitou á Atención Primaria”, asegurou.

Malia todo, o problema da Atención Primaria vén de moito antes, de anos de recortes orzamentarios, de falta de persoal e de pouca atención á porta de entrada ao sistema sanitario. A dimensión en bloque, en decembro de 2018, de 23 xefes de servizo de Atención Primaria da área sanitaria de Vigo, puxo sobre a mesa a situación do sistema sanitario público, “a piques de quebrar, de perder a súa capacidade de promover a saúde, previr enfermidades e atender á cronicidade”, como explicou Aldecoa no Parlamento. Isto levou, finalmente, á elaboración, en novembro de 2019 por parte dun grupo de expertos convocados pola Consellería de Sanidade do plan Por unha atención primaria vertebradora do sistema de saúde, un documento para o fortalecemento da Atención Primaria en Galicia para os próximos anos que contén medidas de urxente aplicación

Neste plan, “gardado nun caixón da Consellería como moitos outros documentos de propostas” e do que non se volveu saber nada, se estableceron unha serie de principios guías nos que a presidenta de Agamfec quixo facer fincapé. Destacou, entre eles, a importancia dos plans locais de saúde, un proxecto de adaptación ao novo modelo e aos requirimentos do territorio. “É preciso un novo mapa sanitario, máis acorde cunha atención local equitativa: a reorganización das zonas básicas de saúde que garante a equidade e favoreza o traballo coordinado cos locais”, asegurou Aldecoa. Os plans de saúde locais deben definir o acceso ao recurso máis axeitado para responder á necesidade do paciente, mediante áreas administrativo-sanitarias preparadas para orientar a atención.

Para poder contar cunha Atención Primaria forte tamén é importante a lonxitudinalidade, “a característica de maior valor da Atención Primaria”, para o que é preciso contar con cupos compartidos de medicina, enfermería e persoal de servizos xerais (PSX), cunha enfermería familiar e comunitaria capacitada, modernizando as competencias obsoletas dos PSX e incorporando na normativa novas competencias administrativo-sanitarias e contando con outros profesionais de apoio externo con maior accesibilidade: psicólogos, nutricionistas, técnicos de exercicio físico, podólogos, etc., entre outras medidas.

Na súa intervención na comisión de reactivación do Parlamento de Galicia, a doutora Aldecoa lembrou que para facer os cambios necesarios é preciso contar con xestores máis preparados. “As xerencias únicas non aportaron máis que problemas para a Atención Primaria, que quedou diluída porque os xerentes procederon do ámbito hospitalario e non entenderon que a sostibilidade do sistema ten como peza clave a Atención Primaria”. É importante, polo tanto, dotar aos centros de saúde de máis autonomía de xestión e “formar líderes para proxectar e desenvolver un plan local, con capacidade de xestionar ao persoal, con orzamento e condiciones laborais adecuadas”.

Recursos humanos

Durante a súa intervención, a presidenta de Agamfec alertou que os problemas para a cobertura de postos na atención primaria radican en que, malia que a especialidade de Medicina de Familia é “a máis bonita, a máis próxima ao cidadán e a máis estimada noutros países”, as prazas que se ofertan en Galicia “non son atractivas” para os profesionais.  Neste eido, recalcou que o contrato de continuidade “non é atractivo e non solucionou o problema da fuga de profesionais”

A realidade é que, a xaneiro de 2019, o 62% dos médicos de Atención Primaria tiñan máis de 50 anos e, aínda que nos últimos dez anos saíron do MIR en España 19.000 novos médicos de familia, só o 13,8% da rede pública teñen menos de 40 anos. “Hoxe nin sequera temos capacidade de reposición de prazas de xubilación e dous terzos dos novos médicos de familia están fóra de Galicia”, recalcou Aldecoa. Por que? Porque as prazas non son atractivas, polas condicións laborais, porque non hai recoñecemento profesional nin social e polo sistema de contratación.

A presidenta de Agamfec, Susana Aldecoa, non quixo rematar a súa intervención sen falar do “corazón do cambio do plan vertebrador”: a Atención Comunitaria. Así, destacou a importancia de que a Atención Primaria se oriente “cara os determinantes sociais da saúde. Os plans locais de saúde deben incorporar o compoñente biopsicosocial da consulta individual, as intervencións grupais,  o diagnóstico de saúde local, o mapeo de activos, a participación cidadán na toma de decisións, a prescrición social”.

A pandemia mostrou que en Galicia “temos unha Saúde Pública con competencias moi limitadas”. Por iso, recalcou que é preciso integrar, ou polo menos coordinar, Atención Primaria e Saúde Pública. “Na nosa carteira de servizos non estaban a vixilancia epidemiolóxica, o control de pandemias nin a resposta a catástrofes”, lembrou.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Emprego de cookies

Este sitio web emprega cookies para que poida disfrutar da mellor experiencia coma usuario. Se vostede continúa navegando, consinte e acepta as mencionadas cookies e a nosa política de cookies, Pinche no enlace para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies