Alzamos a voz para dicir basta á violencia contra as mulleres

Oxalá chegue o día no que non haxa que celebrar máis o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Mentres non sexa así, os membros da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) queren xuntar as súas voces para dicir basta. Como profesionais sanitarios coñecemos as dramáticas consecuencias na saúde das mulleres no eido físico, mental, sexual e reprodutivo, así como na saúde dos seus fillos e fillas.

Por iso, este ano puxemos en marcha unha campaña na que os diferentes grupos de traballo e membros da Xunta Directiva da Agamfec poñen as súas voces á disposición das mulleres que sofren violencia de xénero.

Nesta data, compartimos o artigo da doutora Rosana Izquierdo, médico de familia e coordinadora do noso Grupo de Traballo de Violencia de Xénero. Consideramos que a nosa obriga é ofrecer unha resposta, unha detección precoz que posibilite a diminución das consecuencias na súa saúde e o apoio compartido para axudala a tomar as súas decisións en liberdade, nun ano no que a violencia contra as mulleres atopou un novo aliado, o coronavirus.

25 de Novembro: Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

“O máis escandaloso que ten o escándalo é que un se acostuma”, dixo Simone de Beauvoir. Acostumámonos a abrir o xornal e ler casos de malos tratos, asasinatos, agresións e abusos contra as mulleres? Podemos evidenciar os 41 asasinatos de mulleres e 3 menores ao longo do ano 2020 e pasar páxina?

Os datos da Macroenquisa de 20191 dinos que o 14,2% das mulleres españolas maiores de 16 anos sufriron violencia física ou sexual por parte da súa parella ou exparella. As cifras revelan que, ao ano, máis de dous millóns de mulleres son maltratadas polas súas parellas e máis dun millón seiscentos mil nenos e nenas viven neses fogares, onde sofren as repercusións da violencia de xénero que exercen os seus pais sobre as súas nais. Como profesionais sanitarios coñecemos as dramáticas consecuencias na saúde das mulleres no eido físico, mental, sexual e reprodutivo, así como na saúde dos seus fillos e fillas. É por iso que as mulleres acoden ás nosas consultas. A nosa obriga é ofrecer unha resposta, unha detección precoz que posibilite a diminución das consecuencias na súa saúde e o apoio compartido para axudala a tomar as súas decisións en liberdade.

Este ano, a violencia contra as mulleres atopou un novo aliado, o coronavirus. Novas situacións que favorecen, unha vez máis, o silencio histórico e a invisibilidade desta violación dos dereitos humanos que é a violencia de xénero. A muller vai atoparse agora con distanciamento social, con menos actividades comunitarias, cunha consulta telefónica e con momentos de confinamento por razóns obvias, pero que dificultan o acceso ao apoio. Estes novos tempos fan que as mulleres teñan máis barreiras para pedir axuda e precisamos, polo tanto, novas respostas, interinstitucionais e multidisciplinares.

Ao mesmo tempo, non debemos equivocarnos no discurso. Non é o confinamento, nin o coronavirus o que asasina ás mulleres. É o virus do machismo e a desigualdade o que se alimenta desta nova situación. Desta mesma forma conclúe o profesor Sinha no seu artigo en BMJ2, “os confinamentos non matan mulleres, faino a violencia dos homes”. Cambiar o titular tamén nos axudará a visibilizalo. Axudaranos a detectar, axudaranos ao cambio, á procura activa das mulleres silenciadas establecendo un pacto a prol da igualdade.

Tamén me gustaría considerar a importancia da Atención Primaria e a necesidade actual de multiplicar a nosa sensibilización, a nosa formación e os nosos recursos para axudar a eliminar a violencia contra as mulleres, que conmemoramos neste 25 de novembro. A Atención Primaria non é a porta de entrada ao sistema, “é o sistema”, como dicía a doutora Verónica Casado, galardoada co premio á mellor médica de familia do mundo. É o soporte e o cemento deste conglomerado que é a atención á saúde. De aí a nosa responsabilidade, xa que estamos a falar de dereitos humanos, dos dereitos das mulleres que son violados e que producen tantas consecuencias nas súas vidas. Elas veñen ao noso centro de saúde e supoñen o 32% das mulleres3 que acoden ás nosas consultas.

Remato con outra cita de Simone de Beauvoir: “Non esquezades nunca que unha crise política, económica ou relixiosa será suficiente para que os dereitos das mulleres sexan cuestionados de novo. Estes dereitos nunca se dan por sentados, debedes permanecer vixiantes toda a vosa vida”.

 

Rosana Izquierdo Fernández.

Médica de familia.

Responsable do Grupo de Violencia de Xénero de AGAMFEC.

Bibliografía.
  1. Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad. Macroencuesta de violencia de género 2019.
  2. BMJ 2020; 371: m4074.
  3. Montero I, Ruiz-Pérez I, Martín-Baena D, et al. Violence against women from different relationship contexts and health care utilization in Spain. Womens Health Issues. 2011;21: 400-6.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Emprego de cookies

Este sitio web emprega cookies para que poida disfrutar da mellor experiencia coma usuario. Se vostede continúa navegando, consinte e acepta as mencionadas cookies e a nosa política de cookies, Pinche no enlace para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies