A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), sociedade científica que agrupa a máis de mil médicos de familia galegos, veuse sorprendida nestes últimos días pola curiosa medida de confinamento da Mariña lucense ante o rebrote de Coronavirus.
A sorpresa non é tanto pola medida en si, que ten lóxica para así minimizar o risco de expansión do virus, senón pola sospeitosa duración da mesma, que semella obedecer a cálculos non sanitarios. Aínda así, os médicos de familia da zona van seguir aplicando con toda profesionalidade os protocolos clínicos de illamentos aos contaxios e aos seus contactos, sen ter en conta outras consideracións ou criterios que se aparten da evidencia científica.
Dende a Agamfec queremos poñer en valor e manifestar a nosa confianza nos compañeiros e compañeiras médicos de familia desa área que, sorprendidos da mesma maneira que nós coa curiosa medida, seguen a exercer as súas competencias cun rigor e profesionalidade que, ás veces, botamos en falta nos responsables políticos. Unha vez máis, seguimos pensando e amosando que a Atención Primaria é máis necesaria que nunca nesta pandemia producida polo SARS-CoV-2