AGAMFEC celebra en Vigo os seus vinte anos de Congresos de Medicina de Familia

Desde o seu mesmo nacemento, a Medicina de Familia demostrou ser unha especialidade diferente ás demais. Transversal ao propio Sistema Sanitario, os seus titulados realizan tarefas tan distintas entre si como a Atención Primaria de Saúde, as Urxencias Hospitalarias e Extrahospitalarias, a Medicina Privada ou a Xestión, aportando un traballo moi especializado para a mellora do conxunto global. E igual que ocorre coa propia sociedade, os coñecementos e as sensibilidades cambian de continuo, obrigando aos médicos de familia a adaptarse para estar sempre á última, porque esa é a única forma de levar a cabo a súa tarefa. Sumado a iso, a terceira clave na función de estes profesionais tal vez podería ser o grupalismo, a necesidade de comunicarse con outros membros do seu estamento e compartir vivencias, ideas, consellos e a ciencia en xeral, porque todos sabemos que hai expertos que ensinan máis que cen libros xuntos, e porque nos debemos a unha sociedade que cambiou no seu conxunto do mesmo modo que nos debemos aos nosos pacientes.

Por tanto, na miña opinión sempre aparecen tres elementos claves na figura do médico de familia: a versatilidade, a transformación continua e o asociacionismo, e ningún lugar expresa mellor esas virtudes que un congreso.

Desde o principio da súa existencia, AGAMFEC tivo claro que unha das súas principais obrigas ao longo do ano debía ser a de organizar un gran congreso que xuntase baixo o mesmo teito a toda a Medicina de Familia galega, pero non só ás persoas, senón tamén os seus distintos ámbitos laborais, as súas diferentes visións acerca da profesión, os seus anhelos, as súas conviccións, o seu intento de facelo cada vez mellor. Así, en cada reunión que celebrou AGAMFEC, sempre estiveron presentes actividades de natureza moi variada: charlas de formación teórica, obradoiros para aprendizaxe de habilidades, mesas de debate, asembleas de socios e premios científicos. Unha maneira de reflectir eses tres aspectos dos que falaba ao principio e de encontrar que é o que os une, que teñen en común tódolos médicos de familia e como ofrecer un congreso que beneficie a todos.

En 2015 AGAMFEC celebra o seu congreso número vinte en Vigo e farao mirando ao seu brillante pasado e ao seu esperanzador futuro, ao moito que aportaron aqueles que nos precederon e aos que veñen detrás, porque só se pode encarar o mañá sabendo de onde vimos e por que estamos aquí. Por iso eliximos coma lema «Novos retos para unha nova Medicina de Familia», porque ningunha especialidade cambiou tanto como a nosa nas últimas dúas décadas, e temos que estar preparados para os enormes cambios que aínda virán, e iso só é posible coa participación duns e doutros, sen diferenzas.

Este ano máis que nunca queremos que este sexa un congreso de todos e para todos: do médico de familia da consulta de Atención Primaria, do que traballa nun PAC, do que salta dun lugar a outro en contratos por días, do residente, do estudante que non sabe o que facer… pero tamén do enfermeiro de familia que defende os nosos mesmos principios, do paciente que se preocupa pola súa enfermidade, do que quere saber máis e non ten a quen preguntarlle, dos medios de comunicación, dos políticos dun e doutro bando, da Administración Sanitaria, da industria farmacéutica, dos sabios que escriben en publicacións afamadas e dos que as len, dos expertos e dos que non saben nada. Vivimos nun mundo complexo con múltiples elementos que se relacionan entre si, e o congreso da Medicina de Familia galega debe crearse do mesmo modo, mirando á xente e contando con ela, fomentando a plena accesibilidade por parte de todos.

Desde hoxe xa tendes o programa nas vosas mans. Tan sinxelo como acceder a http://xornadas2015.agamfec.com

Queremos que o comentedes, que lle atopedes erros, que mandedes preguntas aos expertos e ás mesas de debate, coa promesa de que todas serán contestadas.

Queremos que sintades que o congreso é voso, non é o que elaborou o Comité Organizador, que non o vexades como algo inamovible senón que tomedes parte, que desexedes buscar e encontrar o voso oco nel. Cada un ten o seu e espera por vós.

Vémonos en Vigo, todos, absolutamente todos.

Hoxe ábrese o camiño cara a AGAMFEC 2015. O voso congreso.

O Comité Organizador.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Emprego de cookies

Este sitio web emprega cookies para que poida disfrutar da mellor experiencia coma usuario. Se vostede continúa navegando, consinte e acepta as mencionadas cookies e a nosa política de cookies, Pinche no enlace para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies