O día 8 de marzo, o día internacional da muller, pódenos axudar para parar e reflexionar:
É o xénero un motivo de desigualdade na saúde? .O xénero é un determinante social de inequidade de saúde nas mulleres e como tal inequidade é inxusta, previble e evitable .Como profesionais da saúde é o noso labor analizalo e contribuír no que podamos á igualdade entre homes e mulleres, esa igualdade de xénero que falta moito en conseguir en todo o mundo e que repercute en resultados sanitarios negativos na saúde da muller e das nenas.
Tamén na nosa sociedade occidental necesitamos un enfoque de xénero no proceso de enfermidade e uso de servizos, visualizar a morbilidade diferencial en distintas patoloxías nos nosos estudos, percibir diferenzas entre sexo e xénero nos factores de risco, en definitiva unha visión non androcéntrica de saúde que repercuta na mellora da saúde da muller.
Por outra banda como profesionais de atención primaria temos lugar privilexiado de proximidade coa nosa poboación e é preciso realizar un enfoque diferente na saúde desa muller coidadora sen hora e sen remuneración, invisibilizada e non recoñecida. Imprescindible a nosa voz contra o acoso sexual. Ineludibles os nosos ollos na detección e actuación contra a violencia de xénero pola que son asasinadas 60 mulleres ao ano en España, e que repercute na saúde física e mental de 600.000 mulleres cada ano no noso país, converténdose nun problema de saúde mundial de proporcións epidémicas.
A OMS resalta a importancia da igualdade de xénero, como un determinante primordial da saúde e considera que “require dun enfoque e dun compromiso renovado para abordar inequidades de xénero no logro da saúde” para todos e todas.
Espero que un futuro próximo vexamos un horizonte dunha sociedade sen xéneros pero polo momento temos que seguir dicindo que o día 8 de marzo é o Día Internacional da Muller e todos os días do ano son os días nos que temos que realizar un compromiso pola igualdade.
Dra. Rosana Izquierdo Fernández. Responsable do grupo de traballo de Violencia de Xénero de AGAMFEC.