A Atención Primaria Protagonista

Asistimos desde hai uns meses a un crecente e insólito protagonismo da Atención Primaria (AP) nos medios de comunicación. É evidente que somos noticia polas grandes mobilizacións, dimisións en bloque de xefes de Servizo en Vigo, debates, paros nos centros de saúde, comisións parlamentarias, declaracións institucionais da administración con chamadas á colaboración, etc. Isto tamén deu lugar a explosión de opinións de persoas con valoracións e, ás veces, coñecemento da AP moi diferente e contraditorio.

É posible que arrastremos un atávico estigma de mediados do século pasado que algúns non logran superar. Aquela era unha época na que os médicos que se especializaban e exercían a profesión en centros hospitalarios adquirían prestixio e os que non o facía quedaban relegados aos pobos e vilas sen a aureola de fama dos primeiros, aínda que co recoñecemento e agarimo dos seus paisanos. Esta rémora que arrastramos vémola ata no exame MIR! Repasando as 250 preguntas tipo test cal non sería a miña sorpresa que a única que fai referencia ao médico de familia é para poñer de relevo que unha proba diagnóstica está mal indicada. Debemos ser os únicos que, coas poucas probas que podemos solicitar, aínda non o facemos tan ben como outros especialistas…O certo é que hoxe a medicina de familia é unha especialidade máis, quizais das máis complicadas pola amplitude de coñecementos e competencias que abarca e ninguén pon en dúbida a calidade da formación e preparación das nosas residentes. Sorprende a afirmación ao contraxeito do decano da facultade ao afirmar que a especialidade “nos saíu mal”. Ese plural mayestático propio da institución non significa, por sorte, protagonismo no desenvolvemento da nosa especialidade e explica o desafecto da facultade cara á medicina de familia. A realidade contradi esa afirmación: os nosos mozos médicos de familia, tamén maltratados pola administración sanitaria, son recibidos, na súa fuxida, cos brazos abertos en calquera país da unión europea desde Portugal a Suecia. Son contratados nos servizos de urxencias, tanto de hospital como PACs, no 061, nas unidades de Hospitalización a domicilio, mutuas, e por suposto en todos os nosos centros de saúde. Menos mal que nos saíu mal! Se saíse ben é posible que tivésemos que eliminar o resto de especialidades…Sendo serios é innegable o cambio que produciu na nosa paisaxe sanitaria a aparición da nosa especialidade e o seu desenvolvemento, ampliando cada vez máis as súas competencias desde a cirurxía menor á ecografía, desde a atencion á infancia e adolescencia aos coidados paliativos, desde os programas da muller, á atención aos pacientes crónicos e así ata un longo etcétera.

Que pasou para chegar á situación de crise? Varias foron as causas, desde o envellecemento da poboación e a maior complexidade dos pacientes, ás maiores expectativas no sistema sanitario unido á hipermedicalización e as múltiples (e inútiles na súa maioría) tarefas burocráticas que non recibiron apoio material e humano; e seguímolo realizando maioritariamente os médicos, o que nos resta tempo para dedicarnos ás tarefas que, de verdade, achegan valor ao acto médico. A competencia en financiamento cos hospitais tamén nos volveu máis pobres. É unha historia de crise de crecemento como a dos dinosauros: demasiado volume e segue a mesma cabeza…

Os tempos cambian e debemos reformularnos verdades e organizacións para responder as necesidades da poboación, verdadeiro obxectivo da asistencia sanitaria, que non debemos confundir coa demanda, que é sempre infinita, e obríganos a ordenala e priorizala en función da súa xustificación clínica. É tarefa de todos colaborar neste reto: Os médicos, as asociacións científicas, os pacientes e a administración, esta última sempre a maquinaria con mais inercia de todas á que debemos mobilizar na boa dirección. Nese transo achámonos.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Emprego de cookies

Este sitio web emprega cookies para que poida disfrutar da mellor experiencia coma usuario. Se vostede continúa navegando, consinte e acepta as mencionadas cookies e a nosa política de cookies, Pinche no enlace para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies