- En novembro convocouse una praza de profesor asociado de Medicina de Familia na USC financiada por una sociedade científica de Atención Primaria
- A Universidade convocará este ano tres novos postos de Profesor Asociado de Ciencias da Saúde en Centros de Saúde nos que traballan profesionais de dita sociedade
Santiago, 10 de xaneiro de 2020. A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), que forma parte federada da Sociedad Española de Medicina Familiar y Comunitaria (semFYC), asiste con preocupación ás novas que chegan dende a Facultade de Medicina. O pasado mes de novembro convocouse unha praza de profesor asociado de Medicina de Familia, cuxa adxudicación se fai mediante concurso público, e Agamfec soubo que este posto, contra o criterio do propio departamento, está financiada por unha sociedade científica de Atención Primaria. Malia que a Asociación considera que apostar por isto pode non ser malo nun inicio, pon en dúbida o criterio de imparcialidade á hora de outorgar dita praza.
Estas dúbidas acrecéntanse despois de recibir as últimas novas. Malia que aínda non se realizou a convocatoria oficial, a USC creará este ano tres novas prazas de Profesores Asociados de Ciencias da Saúde (PACS) en Medicina de Familia, de tal maneira que os estudantes poidan realizar prácticas en Centros de Saúde con profesionais acreditados. Aínda que se trata dunha boa nova, xa que nestes momentos tan só hai dous en Galicia neste tipo de centros fronte aos 90 dos hospitais e hai anos que apenas se convocan, Agamfec ve preocupante que se perfilaran as prazas de tal maneira que se esixe que sexan para profesionais de tres centros concretos: Valga, Porto do Son e Concepción Arenal, en Santiago de Compostela, precisamente onde traballan tres cualificados e distinguidos membros da sociedade científica anteriormente mencionada.
Agamfec non é sospeitosa de ir en contra da Medicina de Familia, foi constituída (a galega incluso antes que a española) no momento no que se creou a especialidade, contra o criterio e a animadversión doutras sociedades que agora din ser os seus paladíns. Con todo, considera que a convocatoria destas prazas se trata dunha “sorte de pago en especies” polos favores realizados no financiamento dunha praza de profesor asociado e é un caso que fai saltar todas as alarmas.
A asociación médica lembra a importancia da prevalencia da igualdade, mérito e capacidade á hora de ocupar unha praza en calquera administración pública e considera que a universidade, ente de coñecemento e excelencia, ten un plus de responsabilidade no exemplo destas boas prácticas selectivas.
Contacto: comunicacion@agamfec.com