Premisas
Levamos anos nun debate sobre a sustentabilidade do sistema e podemos afirmar que a situación é, cando menos, comprometida. A cuestión demográfica, que non só produce un envellecemento da poboación senón unha meirande (e desexable) supervivencia de patoloxías crónicas, dexenerativas e mesmo oncolóxicas; a renovación tecnolóxica, sempre máis cara pero non sempre máis eficiente; o acceso da poboación á información co aumento da demanda subxectiva pola súa parte e os cambios nos paradigmas da atención sanitaria, están na orixe desta situación. A epidemia de cronicidade na que estamos instalados pode devorar o sistema sanitario que non está preparado para dar resposta a este desafío, en parte xerado polo seu propio éxito. Tamén parece fóra de toda dúbida que a política de recortes, copagamentos e reducións salariais, non ten moito máis percorrido se estamos a falar da sustentabilidade do sistema e non da súa destrución.
Oportunidades
Compre plantexar, por tanto, un cambio de MODELO ASISTENCIAL. Este cambio de modelo pode e debe acompañarse dun cambio no xeito de xestionalo, e estamos a falar entón dun modelo de xestión clínica, sempre que favoreza:
- A autonomía e liderado dos clínicos
- A orientación os mellores resultados en saúde, con avaliacion por indicadores de boa práctica clínica, baseado na mellor evidencia científica dispoñible, facendo da eficiencia o seu piar fundamental, rachando a brecha entre eficacia-eficiencia.
- A integración asistencial, sen subordinacións, utilizando como ferramenta a Xestión por Procesos, que deberán partir e rematar na Atención Primaria.
- A transparencia na información, tanto dos seus resultados como da súas ferramentas.
- A diminución da variabilidade non xustificada na práctica clínica, polo tanto maior seguridade para a poboación atendida.
Dende Agamfec entendemos que así a xestión clínica pode ser a grande oportunidade para o cambio e esta debe impregnar a todo o sistema, evitando a súa fragmentación.
Ameazas
Dende a nosa administración estase a facer unha oferta de Xestión Clínica a determinados servizos hospitalarios e de Atención Primaria que nos xera moitas dúbidas e mesmo chegan a aparecer como verdadeiras ameazas:
- A primeira é a falta de confianza (elemento fundamental para por en marcha a Xestion Clinica) pois entendemos a xestión clínica como a oportunidade de posta en valor da Atención Primaria e a nosa administración non está comprometida ca AP estando a facer máis recortes nela que nos hospitais e, a pesares dos desmentidos sobre a privatización, esta administración non deixa de “externalizar” dende que tomou posesión.
- O proxecto laboral non está definido, é ambigüo, cambiante, e falan de reformas que non se van a aplicar (Para que se fan as leis se non se van aplicar?).
- O sistema de incentivos parécenos de dúbidosa ética profesional, pois veñen ligados a aforros e non, como era de agardar, á excelencia profesional e a boa práctica clínica. Ademais é importante subliñar que o aforro pola maior implicación da AP no seguimento e coidado dos doentes crónicos vén dado por:
- Menos complicacións.
- Menor número de ingresos e reingresos.
- Menos reagudizacións dos crónicos.
Isto, en resumo, quere dicir: menor gasto hospitalario e por iso, todo o contrato de Xestión Clínica que parta da base de menos financiamento ou aforro por parte da AP esta baseado nunha premisa falsa, pois o aforro terá que vir da diminución do gasto hospitalario. Isto tería que implicar (veuse en experiencias coma a de Escocia), unha desinversión hospitalaria e reinversión en AP e atención social.
Para a elaboración dun contrato de xestión é necesario saber a situación actual, cos seus indicadores de coberturas, de resultados en saúde, de gasto, etc, e, por suposto, de acordo entre as partes,onde queremos chegar. Neste senso os proxectos que coñecemos adoitan ter unha gran falta de información, oscurantismo, ausencia de folla de ruta e transmiten unha desagradable sensación de improvisación.
Conclusións
Sendo conscientes da necesidade do cambio e da oportunidade que pode ter a xestión clínica, pero tamén da falta de confianza xerada nos profesionais polas medidas belixerantes cara a Atención Primaria por parte da administración, dende a AGAMFEC soamente avalaremos os proxectos que aposten decididamente pola AP, que sexan claros e transparentes, sin ambigüidades, que se axusten á realidade e teñan unha finalidade fundamentalmente profesional e de compromiso social, e con un sistema de incentivos ligado á á boa práctica clínica e á excelencia profesional .