Estes días o tema estrela nos medios de comunicación está a ser o estudo de seroprevalencia na poboación galega. Este tipo de estudos teñen unha clara importancia para información e para poder sacar conclusións sobre as medidas a tomar. Pero parece que, lonxe de facer unha análise técnica das posibles consecuencias, xa se dan por adiantado os supostos éxitos de políticas sanitarias que non corresponden á realidade. Os estudos en medicina débense facer para programar medidas que melloren o estado de saúde da poboación.
Por iso, a nosa sociedade científica quere informar e facer clara a súa postura sobre este estudo e a lamentable utilización política que se poida facer del:
– Parécenos incomprensible o gran despregue de medios humanos e de tempo en Atención Primaria para este estudo mentres se limitou durante todo este tempo, e segue a ser así́, o acceso libre ás probas máis importantes para parar a propagación do virus, como son a indicación das probas PCR en todo caso sospeitoso e o estudo dos seus contactos. Medidas ambas que amosaron en outras comunidades ser as responsables directas do control da pandemia. Ante esta deficiencia estamos sen armas e pensabamos, inxenuamente, que agora poderiamos dispor delas. Que perda de oportunidade!
– Os resultados dos estudos de seroprevalencia dan unha información da situación da poboación, da “cantidade” de virus circulante e están suxeitos a moitos sesgos e factores que inflúen e que teñen que ver co grao de dispersión da poboación, mobilidade e moitos outros. E non se trata de facer propaganda con eles, senón de analizar para tomar medidas de xestión.
-Todos os profesionais temos a sensación, cos datos que manexamos, de que hai moita posibilidade de mellora no afrontamento desta pandemia e de moitas situacións deficientes que esta pon de relevo. O exemplo máis claro son as residencias de maiores e o problema dos contaxios dos sanitarios (que non van saír na foto deste estudo, seguimos sen estar estudiados e podemos seguir sendo fonte de contaxio).
– Segundo os datos que publica na súa web o Ministerio de Sanidade, os positivos por COVID-19 figuran desagregados por PCR e anticorpos e non vai ser posible utilizar estes datos para compara, pois son estudos de poboación e nas táboas do Ministerio son estudos de casos. (Loxicamente, se facemos probas a casos sospeitosos a porcentaxe de positivos é moi superior que nos estudos de poboación e, polo tanto, non comparable).
Insistimos, polo tanto, en contar ca AP dotada de ferramentas para seguir torcendo a curva de propagación do coronavirus, que non coñece fronteiras nin distingue administracións.
XD de Agamfec, 23 de Abril de 2020