Últimamente espertamos preguntándos se “estar queimado” está de moda entre as médicas e os médicos de familia, e xa por extensión entre outros colectivos sanitarios. Así poidese parecer, polo menos na nosa Comunidade: non faltan protestas e reivindicacións de eventuais de enfermaría, medicina e por suposto de futuras médicas. As manifestacións de protesta sucédense e as medidas ( aquí e aquí) aportadas polos nosos dirixentes non semellan suficientes. E dende logo non semella un problema local.
Pese a que a percepción global é de que un número cada vez maior de profesionais se declaran “queimados”, unha recente revisión sistemática sobre o burnout entre médicos revela bastante inconsistencia entre os estudos, con un rango de prevalencia de burnout entre o 0 e o 80% debido a diferentes definicións do síndrome e á diversidade dos métodos de avaliación. O feito é que independentemente da nosa tendencia a “medicalizar” e “sindromizar” os procesos vitais, a resposta de “queimarse” fronte a un estrés laboral crónico semella bastante frecuente entre os profesionais sanitarios.
A dúbida atopámola, enton, en que facer ante esta situación
Dende o boletín de novembro de doctutor aportannos unha serie de claves para abordar o burnout dende varias perspectivas diferenciadas:
- Dende a perspectiva dos “médicos exemplares” aos que se lles consultou acerca de que cousas lles resultaban satisfactorias do seu traballo, que cousas lles disgustaban e que recomendaban á xeración máis nova.
- Ollando dende o (auto)coñecemento, a salutoxénese o afrontamento e a resiliencia
- Unha mirada dende a perspectiva ética
- Dando algunhas claves de filosofía de vida para evitar o burnout
Consideramos estas perspectivas extremadamente útiles dende un plano individual e recomendamos a súa lectura a tódolos interesados en aprender e desenrolar estratexias contra o burnout. Tampouco podemos deixar de recomendar o excelente libro de Enrique Gavilán “Cuando ya no puedes más” que dende unha mirada individual aborda o seu traxecto de médico rural queimado.
Nembargantes, a perspectiva individual quédasenos curta e compre recordarmos que, segundo nos indica este estudo cualitativo do EGPRN entre os factores que máis inflúen na satisfacción laboral dos médicos de familia emerxen como importantes a capacidade para decidir onde e como queren traballar, a formación específica en Atención Primaria e as posibilidades para fortalecer a relación médico-doente. E isto só se pode conseguir dende un compromiso firme e real dos nosos xestores coa formación , a lonxitudinalidade e a capacidade decisoria da Atención Primaria.