A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) e a Sociedade Española de Medicina de Familia e Comunitaria (semFYC) desexan expresar a súa firme oposición á intención da Consellería de Sanidade – Servizo Galego de Saúde de permitir que os médicos residentes de cuarto ano pasen consulta sen supervisión directa en centros de saúde durante o verán.
Ante un escenario no que os residentes de cuarto ano en Galicia poidan verse obrigados a desempeñar tarefas de especialistas sen a supervisión legalmente prevista, desde AGAMFEC e semFYC chamamos a atención sobre a evidente falta de previsión e a improvisación na xestión sanitaria por parte da Consellería.
En novembro de 2023, tanto AGAMFEC como semFYC xa alertaron sobre o complexo escenario para a Atención Primaria do verán de 2024. Se o período de vacacións de verán xa tensiona excesivamente a Atención Primaria, a habitual recta final da residencia dos MIR de cuarto ano en maio e a súa incorporación adoitan atenuar estas tensións.
Con todo, en 2024 a situación é particularmente complicada: os MIR co canto de rematar a súa formación en maio farano en setembro debido ao atraso no proceso de elección de prazas de residencia que provocou a pandemia.
Agora, seis meses despois deste recordatorio, desexamos reiterar que:
- Aínda que os Médicos Internos Residentes (MIR) de cuarto ano están altamente capacitados e, baixo a supervisión do seu titor/a, alcanzan altos niveis de desempeño, necesitan supervisión ata finalizar o seu período formativo.
- Desde o legal, a duración da residencia está fixada no programa formativo da especialidade, e o contrato do residente é incompatible con calquera outra actividade noutros centros sanitarios.
- Os residentes deben formarse sempre en centros acreditados e durante o seu último ano xunto ao seu correspondente titor, podendo asumir a consulta do mesmo así como realizar visitas domiciliarias non urxentes, idealmente baixo a súa supervisión ou a doutros Médicos de Familia en caso de non ser posible. Isto asegura o coñecemento do cupo por parte do residente, a continuidade asistencial aos pacientes, que van continuar cunha atención supervisada polo seu médico habitual e todo iso asegurando unha seguridade para o paciente que doutro xeito non tería.
Ademais, consideramos de extrema gravidade a proposta desde un punto de vista da situación profesional que viven as e os residentes no tramo final da súa especialización. Neste momento crucial, non teñen que enfrontarse á presión innecesaria de aceptar un contrato ou situacións laborais de dubidosa legalidade, o que supón un risco tanto para os pacientes como para os propios residentes.
A planificación e a previsión deben ser aspectos esenciais na xestión sanitaria e non solucións improvisadas para cubrir vacacións ou vacantes.
Desde AGAMFEC e semFYC, instamos á administración para reconsiderar estas medidas polo ben da seguridade, o cumprimento da normativa vixente e o sentido común. É crucial manter a calidade na formación dos residentes e garantir sempre a súa supervisión, respectando os marcos legais e protexendo tanto aos profesionais en formación como aos pacientes.
Descarga o comunicado ( galego)
Descarga o comunicado ( castelán)
Compartimos convosco tamén esta infografía, con 4 cousas sobre os r4