A Xunta Directiva da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), asociación dos médicos e médicas de familia galegos con máis de 1.000 afiliados, quere manifestar ante a cidadanía e os seus socios o seu apoio aos motivos que moven a folga convocada para o próximo martes, día 27 de outubro.
O motivo principal da folga é pedir a retirada do Real Decreto-lei 29/2020 de medidas urxentes en materia de teletraballo nas Administracións Públicas e de recursos humanos no Sistema Nacional de Saúde para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, que permite a contratación de profesionais médicos extracomunitarios e sen especialidade, e mesmo que outros especialistas poidan exercer a especialidade de Medicina de Familia. Como temos dito recentemente, consideramos que esta medida é un torpedo na liña de flotación do buque insignia da sanidade: o noso modelo de especialización, o admirado e copiado internacionalmente sistema MIR.
É un despropósito ter un dos mellores sistemas formativos do mundo e desprezalo de xeito semellante. Co mantra repetido de que non hai médicos, se quere corrixir a falta de previsión e a nefasta política de recursos humanos desta maneira improvisada. Non é certo que non haxa médicos. Nos últimos dez anos formáronse en España 19.000 médicos de familia, pero ante os contratos lixo e a precariedade fuxiron buscando mellores condicións laborais noutros países máis sensibles á excelencia co noso. Se houbese unha meirande consideración cara os nosos residentes, non teriamos estas urxencias; e mesmo se ofertásemos as condicións laborais doutros países, quizais volverían moitos a traballar ao noso.
Tamén queremos poñer de manifesto que o número global de médicos en España non é dos peores da nosa contorna, o que si é diferente é a proporción de médicos de Atención Primaria fronte aos de Atención Hospitalaria. Nesas contas somos claramente deficitarios no primeiro nivel, e aí está a responsabilidade da administración sanitaria
Por outra banda, temos que insistir que nun tempo de crise sanitaria global e afrontando unha delicada e difícil situación, non semella prudente baixar a calidade e excelencia dos profesionais sanitarios. A nosa cidadanía precisa dos mellores recursos e dos profesionais máis capacitados para controlar a pandemia provocada pola COVID-19.
Temos unha responsabilidade na xustiza e equidade internacional, e debemos insistir en que non parece axeitado detraer recursos de países máis necesitados e con condicións sanitarias máis precarias cas nosas.
Coma sempre, as solucións pasan por un mellor financiamento da Atención Primaria, dotándoa dos medios materiais e humanos precisos para as súas funcións, sen buscar atallos e sen afondar na precariedade.
Reiteramos, por tanto, que queremos manifestar o noso apoio aos motivos que moven esta folga, pero cada un de nós debe asumir a responsabilidade e decisión axeitadas. Como sociedade científica comprometida na mellora das condicións dos nosos profesionais e a excelencia da atención sanitaria, agardamos da sensatez da administración unha reconsideración deste decreto tan lesivo, tanto para os profesionais como para a cidadanía.