A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), sociedade científica que agrupa a máis de mil médicos de familia galegos, vén de comprobar que a Consellería de Sanidade se empecina en continuar co absurdo e pouco transparente estudo de seroprevalencia. Dende o punto de vista de investigación parécenos que non cumpre as normas básicas de consentimento informado nin de transparencia na súa metodoloxía e deseño.
Neste sentido, dende a Xunta Directiva de Agamfec imos pedir ao Comité Ético de Investigación Clínica de Galicia que se pronuncie sobre este aspecto. Se hai alguén na Consellería necesitado de agrandar o seu currículo investigador, que o faga co seu traballo. Porque este despropósito está a complicar a actividade asistencial de miles de enfermeiras na nosa comunidade autónoma, nestes momentos nos que é fundamental aproveitar os recursos para detectar os brotes de casos e para reforzar á desatendida poboación de doentes crónicos que durante o confinamento tiveron toda clase de complicacións e medo de acudir aos centros sanitarios. Xa na primeira ola do estudo comprobouse a baixa seroprevalencia da poboación. O número de casos segue en descenso. Que podemos atopar nunha nova cata? Que conclusións asistenciais e prácticas para a saúde da poboación agardan obter?
Parécenos que só dende unha actitude e intención propagandística se pode entender a continuidade deste estudo absurdo que compromete a desexada reactivación asistencial na Atención Primaria. Sería unha boa noticia desistir de actividades tan pouco útiles nestes momentos e pedimos reconsiderar a súa continuidade. Se non é así teriamos que quedar a espera do pronunciamento do Comité Ético de Investigación Clínica antes de traballar nun proxecto tan discutible no seu obxectivo, na súa metodoloxía, na súa oportunidade e de nula utilidade. Os traballadores sanitarios deben ter seguridade e absterse de facer nada contra a deontoloxía e mesmo a racionalidade do emprego dos recursos de tódolos galegos.
Xunta directiva de AGAMFEC
29 de Maio de 2020