Información das datas
16/11/2015
4:30 pm - 8:30 pm
Sede de celebración
Praza Porta do Sol, 36202 Vigo, Pontevedra
Na/s categoría/s
Luns 16 de novembro, 16:30 – 20:30 h. Carpa na Porta do Sol, Vigo.
Impartido polo Grupo de Actividade Física e Saúde da AGAMFEC.
CIRCUITO DE VALORACIÓN DA COMPOSICIÓN CORPORAL E CONDICIÓN FÍSICA SAUDABLES
Email: saudeparatodos@agamfec.com
Web: enfamilia.agamfec.com
UNHA INICIATIVA da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) para promocionar a práctica regular de actividade física saudable
DESCRICIÓN DO CIRCUÍTO
Este circuíto está distribuído en 6 estacións nas que un grupo de profesionais realizarán unha valoración da condición física e da composición corporal a todas aquelas persoas que, voluntariamente, o desexen. Cos datos obtidos, daráselle un consello sobre como mellorar ou manter o seu estilo de vida para coidar da súa saúde e previr enfermidades relacionadas con este.
As medicións antropométricos que se propoñen no circuíto permiten a estimación da composición corporal e doutras variables que están relacionadas coa saúde, coa capacidade funcional xeral, co rendemento físico, a nutrición e o crecemento.
A condición física saudable, defínese coma un estado dinámico de enerxía e vitalidade que permite ás persoas levar a cabo as tarefas diarias habituais, gozar do tempo de ocio activo e afrontar as emerxencias imprevistas sen unha fatiga excesiva, á vez que axuda a evitar as enfermidades relacionadas coa inactividade física e a desenvolver o máximo da capacidade intelectual e a experimentar plenamente a alegría de vivir (Colexio Americano de Medicina Deportiva (ACSM), 1991).
Os obxectivos das probas da condición física e da composición corporal saudables seleccionadas son:
- Dar a coñecer a relación existente entre algunhas medicións antropométricas, a saúde e a prevención de certas enfermidades tanto coma a obesidade, as enfermidades cardiovasculares, etc.
- Proporcionar datos útiles para a práctica regular de exercicio físico e dar a coñecer a importancia, para a saúde en xeral, das capacidades físicas
- Ensinar aos participantes o seu estado actual da súa condición física en comparación cos valores de normalidade da poboación xeral e acordes á súa idade e sexo.
- Motivar os participantes mediante o establecemento de obxectivos razoables e alcanzables para a súa condición física.
ESTACIÓN 1. Zona de recepción
Nesta zona explícase en que consiste o circuíto, as probas que se realizan e os obxectivos que se perseguen co conxunto da actividade.
ESTACIÓN 2. Filtro médico
Neste espazo, hai un equipo médico que valorará se hai algún impedimento para realizar as probas propostas.
ESTACIÓN 3. Composición corporal
Nesta estación realízanse as medicións de peso, talla, perímetro abdominal e análise da composición corporal para estimar se os valores resultantes se encontran en niveis saudables.
ESTACIÓN 4. Estación de forza e resistencia muscular
A forza muscular é un factor determinante da capacidade dos individuos para desenvolver as súas actividades domésticas, laborais e deportivas.
Nesta estación realízanse dúas probas que permiten coñecer os niveis de forza e resistencia dos grupos musculares máis importantes das pernas e brazos e estimar se eses valores están dentro da normalidade.
ESTACIÓN 5. Valoración da resistencia cardiorrespiratoria
Nesta estación realízase unha medición do nivel de resistencia cardiorrespiratoria que é a capacidade do noso corpo para captar e utilizar oxíxeno para producir a enerxía que se utiliza en tarefas físicas que impliquen a un número considerable de números e cunha intensidade, preferentemente, moderada. A execución deste tipo de exercicios depende do estado funcional dos sistemas respiratorio, cardiovascular e musculoesquelético. Esta capacidade está directamente relacionada coa saúde e coa prevención de enfermidades metabólicas, respiratorias e cardiovasculares.
ESTACIÓN 6. Zona de consello sanitario
Despois de realizar o conxunto de probas, os resultados obtidos serán analizados polos profesionais e trasladarán, aos usuarios, recomendacións individuais clave para manter un estilo de vida saudable e previr certas enfermidades.