XI RUTA AGAMFEC

Mapa no disponible

Información das datas
15/03/2015
Todo o día

Na/s categoría/s


Senda Peonil da Ponte do Ramo PR-G 123 e Sendeiro dos Muíños de Barosa PR-G105

Hora de encontro: 10.30 horas
Punto de encontro: Ponte do Ramo. Desde a localidade de Cuntis collemos a estrada PO-8402 en dirección a Cequeril, e logo de 6,5 km aproximadamente chegaremos a Ponte do Ramo onde atoparemos o panel de inicio da ruta.
Finaliza no punto de partida (circular): Si

Recomendacións:

• Levar roupa cómoda (capa de choiva en caso necesario) e roupa de reposto
• Imprescindible levar auga e bocatas.
• E moi recomendable o emprego de botas de montaña.

Nesta ocasión faremos dúas sendas, a primeira delas, pola mañán, a Senda peonil da Ponte do Ramo no concello de Cuntis, de 7 Km. de lonxitude e logo nos desplazaremos ata o Parque da Natureza Ría Barosa, no concello de Barro, onde comeremos nun área recreativa para logo percorrer un sendeiro de 2 Km.

A primeira parte transcorre polas beiras do río Umia: en Ponte do Ramo. Aquí levábase a cabo, antigamente, a cerimonia do bautismo prenatal. Para este bautismo as mulleres preñadas agardaban á media noite o paso dalgún transeúnte que se había converter en padriño ou madriña do meniño que esperaban.
Camiñamos por un estreito sendeiro entre unha exuberante fraga ata chegar aos Muíños Grande e Pequeno da Puntalta, onde contemplaremos a forza do río cando pasa por este punto. Proseguimos o camiño ata alcanzar o restaurado Muíño de Portavezal, que conta cun afiador para os aveños da labranza.
A partir dos Muíños de Abaixo e de Arriba do Verdugo, o sendeiro afástase do río Umia e condúcenos ata o Alto de Portela.
Baixamos por unha antiga vía romana que unía a localidade portuguesa de Arcos de Valdevez con Cuntis e, entre grandes carballos, chegamos á fonte de Conles. Dende esta pequena aldea, ascendemos ao monte do Rañadoiro, onde nos agarda o xacemento arqueolóxico dos petróglifos de Cequeril.
En Outeiro dos Campiños pódense observar estas representacións gráficas gravadas nas penas onde destaca a coñecida como A Laxe dos Homes, con figuras antropomorfas.

Deixamos atrás Cequeril, onde se pode visitar a súa igrexa, e volvemos ao noso punto de partida en Ponte do Ramo.
Desde aquí nos desplazaremos en coche ata o parque da natureza de Río Barosa, a 15 minutos. Descansaremos e repondremos forzas nun área recreativa para percorrer o Sendeiro dos Muíños de Barosa PR-G105

Este sendeiro localízase no enclave coñecido como «Parque da Natureza do Río Barosa», parada fundamental do Camiño Portugués cara a Compostela ao seu paso polo termo municipal de Barro.
Este parque posúe unha excepcional topografía pola que discorre o río Barosa en forma de cadoiro creando a Fervenza da Barosa, que alcanza trinta metros de desnivel. Xunta esta fervenza construíronse dezasete muíños, que se dividen entre os Muíños de Abaixo e Muíños de Arriba e que forman un complexo hidráulico de grande interese

O primeiro tramo do sendeiro discorre entre os Muíños de Abaixo ata a ponte de San Breixo, onde se pode abandonar a ruta principal e visitar a igrexa do mesmo nome do S. XVII, dende a que se obtén unha boa panorámica do val.

Seguindo o PR-G 105, atopamos máis muíños, algúns en bo estado de conservación.

No segundo tramo hai unha área recreativa cunha taberna típica dende onde parte un sendeiro circular que cruza a ponte da Búa e retorna pola marxe dereita do río ata a ponte de San Breixo, onde está marcado o final da ruta.
Dende aquí faremos en sentido contrario o primeiro tramo da ruta para volver á zona de estacionamento do parque.

Esperámosvos.

Emprego de cookies

Este sitio web emprega cookies para que poida disfrutar da mellor experiencia coma usuario. Se vostede continúa navegando, consinte e acepta as mencionadas cookies e a nosa política de cookies, Pinche no enlace para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies