Neste proceso de volta á nova normalidade no que as saídas á rúa van ser cada vez máis frecuentes ao ir abandonando o confinamento progresivamente, as medidas de prevención seguen sendo de vitais. Para recalcar esta importancia, o grupo de intervención comunitaria Salubrízate achega á sociedade dúas pílulas informativas máis, relacionadas nesta ocasión coa
hixiene de mans e co uso correcto da máscara.
Uso da máscara
Levar a máscara non exime das demais medidas de protección como o distanciamento social e o lavado de mans. Non te achegues aos demais a menos de dous metros.
A máscara protexe aos demais de ti (e non ao revés).
Como usala?
- Pona cando vaias saír da casa.
- Adapta a máscara ao teu nariz.
- Non toques a máscara máis.
- Se precisas manipulala, lava as mans despois.
- Para retirala, tira da goma evitando a parte dianteira.
- Meter nunha bolsa de plástico e tirar ao colector gris.
- Lava as mans.
E, cando usala?
- Sempre en calquera centro sanitario.
- Se vas empregar o transporte colectivo (tren, autobús, taxi…).
- Se vas entrar nun lugar pechado (farmacias, supermercados, tendas…).
- Se tes tose ou esbirros pola alerxia.
Recomendacións
- A máscara cirúrxica é suficiente en traxectos curtos sempre que gardemos as medidas de distancia social.
- Non volver a empregar máscaras dun só uso.
- Se a máscara se humedece coa respiración debe cambiarse.
A limpeza está nas túas mans
A hixiene de mans é a
medida principal de prevención e control da infección.
- As uñas deben levarse curtas e coidadas, evitando o uso de aneis, pulseiras, reloxos e outros adornos que poidan dificultar unha correcta hixiene das mans.
- As mans debemos lavalas antes e ao retirar as luvas e a máscara.
- Con auga fría ou quente, con xabón, durante polo menos 20 segundos. Tamén antes, durante e despois de traballar ou tocar algo.
- Evitar tocar a cara con ou sen luvas, poden dar falsa sensación de seguridade, e podes tocar calquera cousa e despois a cara, contaminándote a ti e aos demais.
- Recoller o cabelo longo, para non tocalo nin tampouco a cara cando o retires.