A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) quere manifestar ante a Administración e a opinión pública o seu rexeitamento ante o Real Decreto-lei 29/2020 de medidas urxentes en materia de teletraballo nas Administracións Públicas e de recursos humanos no Sistema Nacional de Saúde para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID19. Segundo estas medidas, vanse poder traspasar profesionais desde os hospitais á Atención Primaria e asumir por parte de enfermería labores de medicina en Atención Primaria, así como contratar médicos extra comunitarios sen formación específica. Precisamente nestes tempos de maior dificultade e complexidade da atención sanitaria óptase por rebaixar a capacitación e excelencia do sistema.
Henry Ford recordábanos que hai algo peor que formar un traballador e que se marche, e é non formalo e que se quede. No noso Sistema Nacional de Saúde non se podía facer nada peor despois de ter dilapidado promocións de excelentes profesionais na busca dunha vida e un traballo mellores fóra do noso país.
As solucións que se buscan son máis fáciles, rápidas e tamén máis baratas. Propuxéronse outro tipo de medidas por parte de excelentes expertos, tanto no Parlamento nacional como no autonómico, e de sociedades científicas como a nosa, para afrontar a pandemia por parte dunha Atención Primaria que xa sufría unha endémica carencia de medios e, aínda así, propoñen solucións apresuradas, perigosas e absurdas que menoscaban a calidade do Sistema Nacional de Saúde.
As solucións, como xa se apuntou ata a saciedade, pasan por reforzar e elevar as competencias dos profesionais, asumindo o máximo das súas competencias con excelencia, por atraer o talento fugado con contratos atractivos e desburocratizar a consulta médica para darlle un contido de valor á saúde dos pacientes. Non se pode ter unha sanidade de calidade europea con contratos precarios. Temos un compromiso coa equidade internacional e non debemos subtraer profesionais de países con máis necesidades e precariedade ca o noso. Non é momento, en tempos de alarma, de rebaixar a calidade e competencia do sistema, senón de reforzalo con inversións e unha aposta clara pola excelencia. No camiño do reforzo e a aposta polas reformas positivas da Atención Primaria coincidiremos, mais o noso rexeitamento a estas medidas é absoluto e agardamos que se reconsideren polo ben da nosa comunidade e dos seus membros máis vulnerables, os máis prexudicados por unha merma destes servizos.