Xa pasaron uns meses mais aínda está na memoria de todos os asistentes á 89th EGPRN Meeting de Vigo todo o que houbo a oportunidade de ver, escoitar, debater, reflexionar e compartir durante os tres intensos días de outubro nos que se celebrou o encontro.
Foi a primeira vez que se organizou en Vigo (e en Galicia) unha conferencia internacional de medicina de familia. Coa iniciativa da European General Practice Research Network e o apoio da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC), así como da Red Española de Atención Primaria (REAP), tivo lugar na cidade olívica entre os días 17 e 20 de outubro.
O tema da reunión foi General Practice and the Community: research on health service, quality improvements and training, e se enfocou na investigación dentro da comunidade, non só no ámbito sanitario senón máis alá, promovendo a participación cidadá e valorando os determinantes sociais dos pacientes.
Agora, botando a vista atrás, na nosa canle de YouTube poderás atopar todos os vídeos das sesións que tiveron lugar durante o encontro, accesibles para todas as persoas que queiran velos nesta lista de reproducción.
Aproveitamos para lembrar que os días 16 e 17 de outubro terá lugar a 90th EGPRN Meeting que, nesta ocasión e debido á situación actual producida pola pandemia da COVID-19, será unha conferencia virtual que xirará arredor da Digital medicine and e-health. Podes consultar toda a información e inscribirte facendo clic neste enlace ou na imaxe.