A illa de A Toxa acolle, o venres 14 (maña e tarde) e o sábado 15 (pola mañá ), as XIX Xornadas da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC). Este encontro reúne a centos de médicos de Familia da comunidade autónoma, na actividade anual da Sociedade de Atención Primaria máis antiga de Galicia.
Baixo o lema O primeiro: Non facer dano,na xornada do venres os asistentes formaranse e actualizaranse en patoloxias tan cotiás como a osteoporose, patoloxía cardiovascular, uso axeitado de antibióticos, demencia ou o cancro, pero dende a base hipocrática de “primum non nocere”. Preténdese, deste xeito, que os médicos asistentes compartan e adquiran habilidades para evitar a iatroxenia nos pacientes do día a día, cada vez máis polimedicados e complexos.
Á par, as Xornadas abordan obradoiros de habilidades en novas tecnoloxías, pacientes da urxencia e o uso de técnicas de imaxe como a ecografía ou dermatoscopia, asi como a feira de habilidades que se desenrolará o sábado pola maña, na que os asistentes poderán visitar distintas actividades variadas do quefacer diario do médico de familia.
Así mesmo, o programa científico das Xornadas contará cunha mesa específica de actualización sobre EPOC-asma e con dúas conferencias. Unha sobre Saúde oral e periodontite no marco da saúde integral do paciente, que correrá a cargo do Doutor Gabriel Villaverde Ramírez, e outra de clausura que versará sobre os Cambios na Medicina en función dos avances na Xenética, impartida polo Profesor Angel Carracedo Álvarez , director do Departamento de Medicina Xenómica e Catedrático da Universidade de Santiago.
Ademais ,os médicos assistentes, aportarán tamén a través dos traballos presentados, o seu coñecemento individual, compartíndoo cos demais asistentes.
Un ano máis preténdese, deste xeito, seguir mantendo a formación dos médicos de Atención Primaria ó día, sempre pensando no paciente, pois a Atención Primaria é a base do sistema sanitario, onde importa máis a persoa que ten a enfermidade que a enfermidade que ten a persoa.