Os médicos de familia da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) sorprendémonos onte coa aparición de correos electrónicos nos que se falaba de contratacións de persoal de Enfermería en termos de difícil encaixe racional pola referencia a premios para o persoal, que non deixa de ser un xeito de abrir ocos á arbitrariedade. Pero o máis indignante para nós é a consideración transmitida dende unha xerencia e comentada pola organización sindical na que se refire á Atención Primaria como “área de descanso”. A reprodución deste tipo de comentarios está a crear un estado de opinión lamentable das traballadoras de Enfermería, e da Atención Primaria no seu conxunto.
Se creemos que a Atención Primaria debe ser o eixo do sistema e debe ser fornecida nestes momentos de precariedade e fraxilidade dos doentes, tanto dende o punto de vista físico como mental e mesmo social e laboral, o traballo non deixa de ser inxente e só con altitude de miras e profesionalidade seremos quen de lograr os obxectivos dunha mellor saúde dos nosos. Facemos un chamamento ás xerencias para non desvirtuar nin menosprezar á Atención Primaria e ás organizacións sindicais a non entrar neste tipo de mensaxes que non axudan de ningún xeito a fortalecer o papel fundamental da Atención Primaria que todos deberíamos apoiar.
Xunta Directiva da Agamfec
31 de maio de 2020