Publicamos a guia de hepatite que fixemos en colaboración con outras sociedades, e da que é coautor, o noso compañeiro, Santiago Pérez Cachafeiro do GRUPO DE ENFERMIDADES INFECCIOSAS da AGAMFEC.
A hepatite C constitúe un problema mundial de saúde pública que afecta a máis de 185 millóns de persoas, das que cada ano morren aproximadamente 350.000. Cando se cronifica, a hepatite C é unha enfermidade progresiva, e un terzo das persoas infectadas acabarán padecendo cirrose ou carcinoma hepatocelular. A pesar da prevalencia tan alta da infección, a maioría dos individuos infectados descoñecen que o están.
A diferenza doutras enfermidades virales crónicas, o tratamento actual da hepatite C cura a infección en máis dun 95% dos casos. A curación da infección evita ou detén a progresión da enfermidade hepática a cirrose e carcinoma hepatocelular, o cal ocorrerá con máis frecuencia canto máis precozmente se adminístre o tratamento. Ademais de moi eficaces, os novos
tratamentos son seguros e curan a infección en pautas de 8-12 semanas de duración. Igualmente importante é o feito de que, ademais de evitar ou mellorar o dano hepático, a curación da infección descarta ao paciente como fonte de contaxio e é un dos instrumentos máis eficaces, xunto ás medidas preventivas, nas estratexias para eliminar a infección.
A Estratexia Mundial do Sector Sanitario para a Hepatite Viral 2016-2021, impulsada pola Organización Mundial da Saúde, propón desenvolver e aplicar unha serie de medidas encamiñadas a reducir nun 30% e nun 90% os novos casos de hepatite crónica e nun 10% e un 65% a mortalidade relacionada coa hepatite para 2020 e 2030, respectivamente. A estratexia inclúe intervencións
como a prevención da transmisión, o diagnóstico e o tratamento precoz así como a atención ás persoas con hepatites víricas, especialmente en poboacións crave e con criterios de garantía e mellora da calidade, para a optimización tanto dos servizos como dos recursos dispoñibles. A nivel nacional, o Plan Estratéxico para a Abordaxe da Hepatite C no Sistema Nacional de Saúde
(PEAHC), publicado en maio de 2015, enmárcase nas mencionadas políticas internacionais de prevención, diagnóstico e tratamento das hepatites virais.
Neste contexto encádrase o presente Consenso de recomendacións para o diagnóstico precoz, a prevención e a atención clínica da hepatite C en Atención Primaria, elaborada conxuntamente e consensuada polas distintas sociedades de Atención Primaria nacionais e a Asociación Española para o Estudo do Fígado.
Os seus obxectivos son que os médicos de Atención Primaria dispoñan dunha guía sobre as indicacións e estratexias de diagnóstico precoz, os principios de estadificación, tratamento e seguimento da hepatite C crónica, os criterios de coordinación entre os diferentes niveis asistenciais, e as recomendacións específicas sobre prevención e educación en saúde.
Agustín Albillos Martínez