As instalacións do Hospital Pontevedrés volveron a albergar un ano máis unha intensa fin de semana de formación do Grupo de Traballo de Urxencias da Agamfec con sendos cursos de Soporte Vital Inmediato Pediátrico e Instrutor de Soporte Vital Básico.
O pasado venres 4 de outubro impartiuse nas instalacións do Hospital do Montecelo un curso de Soporte Vital Inmediato onde profesionais da medicina e a enfermería ampliaron os seus coñecementos en materia de Soporte Vital Pediátrico e Neonatal con, entre outras, sesións prácticas de RCP de alta calidade, manexo avanzado da vía aérea e asistencia ao parto extrahospitalario.
Ao día seguinte, componentes do Grupo de Urxencias da Agamfec capacitou a máis de 20 alumnos como instrutores de Soporte Vital Básico do Programa ESVAP (Programa de Ensino de Soporte Vital en Atención Primaria) da semFYC. Este programa ten como obxectivo que o persoal sanitario promova o ensino de técnicas de resucitación cardiopulmonar básicas á poboación xeral e o Soporte Vital con equipos de desfibrilación no ámbito da Atención Primaria.
Durante toda a xornada do sábado, profesionais sanitarios chegados de toda Galicia actualizaron os seus coñecementos en Soporte Vital e se adestraron en técnicas de formación e metodoloxía docente. Tras esta experiencia, poderán incorporarse como instrutores do programa ESVAP, permitíndolles impartir no futuro cursos de Soporte Vital Básico e manexo de Desfibriladores Semiautomáticos.
Descubre os nosos próximos cursos