A depresión é unha enfermidade que se caracteriza por unha tristeza persistente e pola perda de interese nas actividades coas que normalmente se goza, así como pola incapacidade para levar a cabo as actividades cotiás, durante polo menos dúas semanas. Ademais, as persoas con depresión adoitan presentar varios dos seguintes síntomas: perda de enerxía; cambios no apetito; necesidade de durmir máis ou menos do normal; ansiedade; diminución da concentración; indecisión; inquietude; sentimento de inutilidade, culpabilidade ou desesperanza; e pensamentos de autolesión ou suicidio.
O tema da campaña para o Día Mundial da Saúde de 2017 é a depresión.
A depresión afecta a persoas de todas as idades e condicións sociais e de todos os países. Provoca angustia mental e afecta á capacidade das persoas para levar a cabo incluso as tarefas cotiás máis simples, o que ten en ocasións efectos nefastos sobre as relacións coa familia e os amigos e sobre a capacidade de gañarse a vida. No peor dos casos, a depresión pode provocar o suicidio, que actualmente é a segunda causa de morte entre as persoas de 15 a 29 anos de idade.
Con todo, a depresión pódese previr e tratar. Unha mellor comprensión de que é a depresión e de como pode previrse e tratarse contribuirá a reducir a estigmatización asociada á enfermidade e levará un aumento do número de persoas que piden axuda.