Ven de ser publicada polo Observatorio Español das Drogas e as Adiccións (dependente do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social) a Enquisa sobre Alcohol e Outras Drogas en España (EDADES) correspondente aos anos 2017 e 2018 [i] Esta enquisa realízase cunha periodicidade bienal mediante unha mostra representativa da poboación española entre 15 e 64 anos. Ten como obxectivo proporcionar datos sobre a situación do consumo de drogas e a evolución temporal do mesmo. Permite pois aos xestores, aos investigadores e tamén aos clínicos unha visión global que lles permita priorizar políticas públicas, afondar nos diferentes aspectos do problema e intervir na poboación con ferramentas preventivas e asistenciais axeitadas.
Para os médicos/as de familia, e a Atención Primaria en xeral, os datos mais relevantes que debemos coñecer e que deben orientar a nosa intervención son relatados a continuación, segregados por sustancia:
Alcohol
O consumo de alcohol nos derradeiros 30 días, sitúase nun 62,7% da poboación (porcentaxe similar á enquisa previa). En Galicia é lixeiramente superior (66%). Detectar nos nosos cupos estes pacientes e cuantificar o seu consumoi para poder diagnosticar o que se chama consumo de risco, sería a primeira clave de intervención. Pero en canto á porcentaxe do 7,4% da poboación con consumo diario (o 11,5% dos homes e o 3,3% das mulleres) segue unha tendencia descendente con respecto ás enquisas anteriores, o que sen dúbida é unha boa noticia pero segue a ser unha alta prevalencia. Consideramos que neste segmento de poboación con consumo diario debemos esforzarnos por detectar non só consumos de risco senón tamén aos suxeitos con trastornos por consumo de alcohol, sen esquencer as especiais dificultades de detección en mulleres. Lembrar que na actualidade o instrumento normalizado para a detección é o cuestionario AUDITii (por certo, utilizado na enquisa) e que debemos intervir nos casos de consumo de risco e derivar á Unidade específica os cadros mais complexos de dependencia para unha abordaxe integrada biopsicosocial.
Con respecto á idade media de inicio no consumo tanto do alcohol como do tabaco (16,6 anos) sabemos que retardar esta idade media é unha das actividades preventivas mais eficaces. Ademais das campañas poboacionais xerais e as dirixidas á comunidade educativa, corresponde á Medicina Familiar e Comunitaria a intervención preventiva nos propios adolescentes e nos seus pais: de forma xeral, por exemplo ao finalizar a etapa pediátrica, e de forma indicada, priorizando adolescentes con factores de riscoiii (familia desestructurada, dificultades escolares, consumo de alcohol e/ou tabaco dos pais/nais, etc).
Un xeito relativamente recente de consumo de alcohol é o de binge drinking, que poderiamos traducir por consumo por atracóns (consumo de 5 ou máis bebidas alcohólicas nos homes ou 4 o máis en mulleres, por ocasión e nun período de tempo inferior a dúas horas). Ten unha prevalencia do 15,1% da poboación nos derradeiros 30 días (en Galicia do 13,9%). Os tramos etarios con meirande prevalencia son o de 25-29 en homes e o de 20-24 en mulleres.
Tamén merece unha mención a práctica do chamado botellón, consumo de alcohol na rúa en grupos mais ou menos grandes. A prevalencia da participación no derradeiro ano no tramo etario de 15 a 18 anos é do 36,8%, o que sen dúbida pódese correlacionar coa idade de inicio no consumo. De forma similar ó consumo por atracóns, comporta unha menor percepción de risco por parte dos que consumen con respecto á poboación que non o fai. Salientar que o policonsumo de sustancias afecta ó 59,7% das persoas que fixeron botellón no derradeiro ano.
Tabaco
O 34,0% da poboación declara consumir tabaco de xeito diario (o 30,9% en Galicia). As medidas lexislativas, as campañas poboacionais e o noso traballo nas consultas conseguiron no seu momento un importante efecto de redución dos consumidores. Pero este efecto semella esgotado e hai un lixeiro reponte de consumidores. Renovar o noso compromiso coa redución desta patoloxía como factor de risco que é para patoloxías oncolóxicas e cardiovasculares, marca outra conclusión de que facer no noso ámbito (por exemplo, a intervención das 5 Asi). É salientable que dous tercios dos fumadores téñense prantexado deixalo e que, tamén dous tercios dos que teñen prantexado deixalo, téñeno intentado. O tema preventivo xa está falado no epígrafe do alcohol.
Hipnosedantes
O consumo de hipnosedantes no derradeiro mes acada o 7,5% e o consumo diario é do 5,9% (similar á enquisa previa). Este consumo é meirande nas mulleres e vai aumentando segundo avanzan en idade. Parece evidente que, aínda que unha parte moi pequena do consumo realízase sen receita, a nosa prescrición (propia ou inducida) segue a ser a principal fonte de subministro, provocando un importante problema de adicción. É demostrable que unha parte desta prescrición non está sustentada na evidencia clínica recollida nas guías (trastornos de ansiedade, insomnio, etc.). Temos pois un importante papel na reevaluación da prescripción nestes suxeitos e na implantación das abordaxes indicadas.
Con respecto ao consumo de hipnosedantes sen receita, é salientable que este consumo asocia outras sustancias psicoactivas nun 92,3%, o que coloca a estes suxeitos nunha complexa situación de policonsumo. Por outra parte, un 10% consíguenos en Oficinas de Farmacia.
Cannabis
Con respecto ao consumo de cannabis, persiste a tendencia ascendente no consumo nos derradeiros 30 días (9,1% en toda España e o 7% en Galicia) e a estabilidade no consumo diario (2,1%). Parécenos unha porcentaxe o suficientemente ampla como para que manteñamos unha actitude vixiante de cara a detección e o seguimento destas persoas.
Outras drogas ilegais
Finalmente, e con respecto a outras drogas ilegais, a cocaína en pó segue a ser a mais consumida (1,1% no derradeiro mes), seguida do éxtasis (0,2%). O resto de drogas ilegais ten unhas porcentaxes residuais pero xeralmente con graves complicacións. A complexidade do seu manexo aconsella a derivación á Unidade de referencia correspondente.
Para rematar, decir que, por primeira vez, esta enquisa recolle datos sobre o consumo de analxésicos opioides: un 14,5% consumiunos nalgunha ocasión, un 6,7% no derradeiro ano e un 2,9% no derradeiro mes. Evidentemente estes analxésicos teñen a sua indicación na escala analxésica pero debemos estar alerta por si se desenvolve como un problema de adicción, tal e como ocurre en outros países como Estados Unidos.
Dr. Jacinto Mosquera Nogueira
Médico de familia C.S. Bembrive (Vigo)
Coordinador do Grupo de traballo de alcohol da AGAMFEC
Bibliografia
- http://www.pnsd.mscbs.gob.es/profesionales/sistemasInformacion/sistemaInformacion/encuestas_EDADES.htm
- https://www.fisterra.com/herramientas/calculos/cuantificacion-consumo-alcohol/
- https://www.fisterra.com/ayuda-en-consulta/calculos/test-audit-dependencia-alcoholica/
- https://docplayer.es/15398136-Los-factores-de-riesgo-y-proteccion-para-el-consumo-de-drogas.html
- http://www.elsevier.es/es-revista-atencion-primaria-27-articulo-recomendaciones-sobre-el-estilo-vida–S0212656718303615