Este documento pretende ser unha ferramenta que permita transmitirlles aos profesionais información actualizada e baseada no mellor coñecemento científico dispoñible sobre o uso dos medicamentos na xestación. As fichas informativas sobre o risco dos medicamentos no embarazo, constitúen unha iniciativa para axuda na toma de decisións e baséanse nos fármacos incluídos nas consultas recibidas no servizo de información sobre teratóxenos. Os seus obxectivos principais son:
- Mellorar, mediante a información, a calidade da atención ás mulleres.
- Previr a aparición de defectos conxénitos asociados a exposicións de risco.
- Facilitarlles aos profesionais da saúde e ás mulleres a toma de decisións.
O proxecto nace coa idea de ser unha publicación que se actualizará a medida que se dispoña de novos datos ao respecto sobre cada un dos fármacos avaliados e se vaian recibindo solicitudes de valoración do risco teratoxénico de medicamentos distintos aos publicados.