A raíz da entrevista realizada a unha médica venezolana en La Región de Ourense o día 14 de febreiro, a AGAMFEC, principal sociedade dos médicos de familia galegos quere aclarar o seguinte:
Somos os primeiros en dar a benvida ós compañeiros que queiran vir a traballar a nosa Terra, pero como lle decimos aos nosos alumnos, temos que saber ónde traballamos, coñecer as características da poboación que atendemos e, neste caso do que falamos, é fundamental saber as condicións regulamentarias e normativas da nosa profesión. Estamos nun marco europeo que decidiu con bo criterio que para exercer a Medicina nos sistemas públicos tense que facer unha formación posgrao; e no caso da Atención Primaria, esta formación é a residencia en medicina familiar e comunitaria. A homologación do título é imprescindible (agardamos maior axilidade nestes trámites) pero aducir certas competencias, coma ser axudantes cirúrxicos, non se pode considerar un avance: este sistema existía no noso país nos anos 70 do século pasado e non se trata de retroceder nas boas prácticas senón seguir mellorando a calidade dos profesionais e da atención médica que prestamos e que pasa pola especialidade. Eu mesmo tiven recentemente un médico colombiano graduado no seu país que rematou a residencia conmigo e non deixaron de choverlle ofertas de emprego e agora está felizmente integrado traballando no Sergas.
A falta de coñecemento das normas pode ser comprensible na xente que ven de fora pero o que resulta inadmisible é que os responsables (irresponsables habería que chamarlles) da administración sanitaria non o saiban ou teñan a desfachatez de saltarse as normas en Atención Primaria (non o farían cun cirurxián, por suposto) deixando as claras a consideración que teñen do noso traballo, do que tanto dicen presumir. A AGAMFEC quere ser solidaria e acolledora pero por riba de todo quere defender o prestixio e a excelencia do traballo dos médicos de familia e denunciará sempre os intentos de voltar ao século pasado incumprindo a lexislación vixente.
Xunta Directiva de AGAMFEC
18/02/2025