A xunta directiva de Agamfec, sociedade científica que representa a mil médicos de familia galegos, e que ademais foi creada para defender e velar polo desenvolvemento adecuado da medicina familiar e comunitaria en Galicia, quere manifestar á opinión publica, e por encima de todo á nosa administración sanitaria que rexeitamos a proposta da consellería de Castela e León de contratar para Atención Primaria e urxencias a médicos licenciados sen formación posgrao como así o esixe a lexislación europea e nacional.
Nós, que defendemos a modernización do noso sistema sanitario, promovemos a excelencia do primeiro nivel asistencial, a Atención Primaria, e estamos comprometidos coa formación posgraduada cunha chea de abnegados e voluntaristas socios que exercen diariamente de titores nos centros de saúde, non podemos tolerar o retroceso temporal e de calidade que supoñería a incorporación de médicos sen formación a un sistema sanitario que presume de ser dos mellores do mundo. Despois dunha política de recursos humanos e materiais rañicas con atención primaria, agora tócalle a quenda ao mais sagrado do sistema sanitario: A formación médica e a competencia profesional.
Advertimos que non quedaremos de brazos cruzados se este atropelo segue adiante e esténdese, creando mais bolsas de inequidade na sufrida poboación victima de recortes, cuxo único consolo é a calidade e confianza nos seus profesionais de atención primaria.
Seguimos insistindo que o problema non é a falta de médicos senón a falta de bos e dignos contratos para os nosos ben formados médicos de familia. Se queremos experimentar, fagamolo cunha contratación digna e non rebaixando os niveis de esixencia profesional, porque ao final págano sempre os mais débiles: os nosos enfermos a quen nos debemos e a quen dedicamos todo o noso saber, esforzo e ilusión.
A xunta directiva,
Santiago 28/01/2019
Para mais información: https://www.agamfec.com/contacte-con-agamfec/