Unha campaña entre os profesionais do Servizo Galego de Saúde para que participen coas súas ideas e propostas no cambio do modelo de xestión da súa formación e xestión do coñecemento.
Un espazo onde todos os profesionais poden facer propostas ou IDEAS aos RETOS que se plantexan para mellorar a formación que se recibe dende o Servizo Galego de Saúde.
Para isto, habilitouse unha plataforma á que os profesionais poderán subir textos, vídeos, imaxes, ligazóns a páxinas web ou recursos que chamasen a súa atención tanto na súa actividade cotiá coma noutros contextos (congresos, outros sectores, tendencias…).
Cun orzamento de 13 millóns, o programa diríxese ao envellecemento poboacional para optimizar a resposta do sistema sanitario público á demanda dos usuarios. En concreto, se prevé que en 2020 os galegos maiores de 65 anos superen o 24,5% do conxunto total da poboación. Esta iniciativa aposta pola innovación como ferramenta para aumentar a rapidez e eficacia que na actualidade se presta aos pacientes.
A primeira liña de traballo do programa incide na posta en marcha de novas ferramentas e terapias de diagnóstico para unha maior personalización dos tratamentos. A segunda liña aposta polo desenvolvemento de proxectos que fomenten un maior empoderamento dos usuarios, na que se deseñarán un conxunto de ferramentas e contidos multimedia para previr e favorecer a autoxestión dos enfermos, ademais de xerar un círculo informativo entre eles, o sistema sanitario e os seus profesionais.
Finalmente, a terceira liña céntrase nos profesionais sanitarios, desenvolvendo solucións para formar aos profesionais e ao mesmo tempo xestionar o seu coñecemento desde o punto de vista organizativo e de recursos humanos.
O Sergas conta para esta iniciativa co financiamento do Ministerio de Economía e Competitividade, que achegará 10,4 millóns de euros dentro do Programa Operativo Plurirrexional FEDER de Crecemento Intelixente 2014-2020 (POCint). Os 2,6 millóns restantes asúmense ao 50% entre o Sergas e a Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Que che parece?