O DECRETO 38/2017, do 23 de marzo, regula a instalación e o uso de desfibriladores externos fóra do ámbito sanitario, e crea o seu rexistro.
O artigo 43.1 da Constitución española recoñece o dereito á protección da saúde, polo que os poderes públicos teñen a obriga constitucional de tutelar o establecemento de medidas
preventivas e prestacións de servizos necesarios para a protección da saúde.
De conformidade co artigo 149.1.16ª da Constitución española, o Estado ten a competencia exclusiva en materia de sanidade exterior, bases e coordinación xeral da sanidade,
e lexislación sobre produtos farmacéuticos. Con base nesa competencia, aprobouse a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade. Así, no seu artigo 3 declara como obxectivo
do sistema sanitario que os medios e actuacións deste estarán orientados prioritariamente á promoción da saúde e á prevención das enfermidades. Así mesmo, no seu artigo 6,
establece que as actuacións das administracións públicas sanitarias estarán orientadas á promoción da saúde e a garantir que cantas accións sanitarias se desenvolvan estean dirixidas
á prevención das enfermidades e non só á súa curación, garantíndose a asistencia sanitaria en todos os casos de perda da saúde.
O artigo 33.1 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia de desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado
en materia de sanidade interior, e o número 4 do mesmo artigo establece que a Comunidade Autónoma poderá organizar e administrar para tales fins e dentro do seu territorio
todos os servizos relacionados coas materias antes expresadas, e exercerá a tutela das institucións, entidades e fundacións en materia de sanidade e seguridade social; o Estado
reserva para si a alta inspección conducente ao cumprimento das funcións e competencias contidas neste artigo.
O artigo 32.3 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, recolle como principio reitor do Sistema público de saúde de Galicia a concepción integral da saúde, que inclúe
a promoción da saúde, a protección fronte a situacións e circunstancias que supoñan risco para a saúde, en particular a protección fronte a riscos ambientais, a prevención da enfermidade
e a asistencia sanitaria, así como a rehabilitación e integración social, desde a perspectiva da asistencia sanitaria. Neste sentido, a referida Lei 8/2008, do 10 de xullo, no seu artigo 12.8, establece que as persoas titulares do dereito á protección da saúde e á atención sanitaria teñen dereito ao establecemento de medidas de prevención da enfermidade de probada efectividade e seguridade.
O presente decreto ten por obxecto:
a) Establecer as condicións e requisitos para a instalación, uso e mantemento, fóra do ámbito sanitario, de desfibriladores externos automáticos e semiautomáticos.
b) Determinar os lugares nos cales é recomendable dispor dos ditos desfibriladores, o réxime de notificación da súa instalación e a súa correcta sinalización.
c) Establecer os requisitos mínimos relativos á formación dos/as manipuladores/as.
d) Crear o Rexistro de Desfibriladores Externos de Galicia.
1. Poderán utilizar os dispositivos de desfibrilación externa:
a) O persoal que estea en posesión dos seguintes títulos:
1º. Licenciatura en Medicina e Cirurxía ou grao de Medicina.
2º. Diplomatura universitaria en Enfermaría ou grao de Enfermería.
3º. Formación profesional de técnico/a en emerxencias sanitarias ou certificado de profesionalidade equivalente.
4º. Titulacións oficiais equivalentes das anteriores, expedidas por un Estado membro da Unión Europea.
b) As persoas maiores de idade que demostren a superación do programa de formación básico con acreditación oficial en materia de reanimación cardiopulmonar, soporte vital básico e uso de desfibriladores externos.
2. No caso dunha situación excepcional en que non sexa posible dispoñer nese momento dunha persoa coa formación ou titulación necesarias para o uso do desfibrilador, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 poderá autorizar calquera outra persoa para o manexo do desfibrilador, e a Central manterá, en todo momento, a supervisión do proceso.
Preme a continuacion para consultar o contido completo do decreto no DOG Núm. 70 Luns, 10 de abril de 2017