Descargar PÓSTER | Programa | COMUNICACIONS | INSCRICION
Aristóteles, na súa “Historia dos Animais”, chamou ao polbo “unha estúpida criatura”. Nada máis lonxe da realidade: non hai ningún invertebrado tan intelixente e dotado no planeta (nove cerebros, tres corazóns e oito patas). E é por iso que o eliximos como a imaxe da nosa querida cidade e como portada das próximas Xornadas de AGAMFEC que terán lugar os días 8 e 9 de febreiro de 2019 na Coruña.
Agora sabemos que grazas á súa “autoedición xenética” adáptase rapidamente ao medio. Ademais, é capaz de aumentar a súa actividade neuronal ao distribuír o seu cerebro entre a cabeza e as oito patas. Os médicos de familia,en certo xeito, somos como el. Adaptámonos ás circunstancias por desfavorables ou críticas que estas sexan. Non temos nove cerebros, pero podemos lembrar centos de datos, non só sobre a saúde, senón tamén persoais, de cada paciente que atendemos e das súas familias. Cubrimos múltiples aspectos da medicina coma se tivésemos oito brazos: prevención,diagnóstico e tratamento da enfermidade, educación sanitaria, habilidades,novas tecnoloxías, investigación e aprendizaxe continuo.
No vindeiro mes de febreiro comprobaremos unha vez máis que os médicos de familia “multiplicamos por moito” o noso valor profesional.
Ven e comparte as túas experiencias connosco. Agardamoste cos oito brazos abertos e todos os nosos corazóns.
Ata pronto!
O Comité Organizador
Seguenos/participa en twitter coa etiqueta: #XXIIagamfec