Día Internacional dos Migrantes - Agamfec

18 de decembro, Día Internacional do Migrante

Desde o 2015, tras a mal chamada “crise dos refuxiados”, non paramos de escoitar sobre elas, as persoas migrantes. Porén, este fenómeno global, inherente á especie humana, vén acontecendo durante toda a historia da humanidade. Aprobado o 23 de setembro deste ano 2020, o novo pacto de migración, a Carta de Dereitos Fundamentais, convértese, unha vez máis, en papel mollado: máis control, máis limitacións, máis dureza, e de novo, máis hipocrisía.

Pero, que sabemos sobre as persoas migrantes?

Este termo soe espertar ideas que moitas veces están lonxe de reflectir a realidade: persoas sen recursos, ilegal, irregular, persoas que foxen… Esquecéndonos de outras: resiliencia, coraxe, fortaleza…

Así, adoitamos errar na imaxe mental da persoa que migra. Por exemplo, o motivo. É frecuente pensar que a maioría o fai por razóns puramente económicas (migrantes económicos). Non obstante, estes casos representan unha pequena porcentaxe. A meirande parte das migracións son multicausais ou provocadas por conflitos armados e outras formas de violencia (no país de orixe e na ruta), persecución política, fame, desastres ambientais, etc. E, de novo, non podemos esquecer que non migra quen quere, senón quen quere e pode. Quen ten recursos para costearse a viaxe.

Por outro lado, as persoas con nivel de educación máis alto son as máis propensas a migrar. Pese a isto, as súas competencias non adoitan recoñecerse no lugar de destino ou, simplemente pola súa situación irregular, non se lles permite utilizalas.

Outra característica da persoa que migra é a resiliencia. En moitas ocasións atópase inmersa nunha situación de desamparo e nunhas condicións de vida insalubres. Están á  fronte da responsabilidade da familia que lle acompaña ou con vistas a unha reunificación posterior si viaxa soa. Tamén se atopa con diversas barreiras no país de destino: idioma, discriminación… Un “inferno” tras un camiño de sufrimento, do que lles resulta ás veces difícil saír.

Pese a isto, as persoas migrantes son valentes. Atrás deixan toda a súa vida na aspiración dun futuro mellor e embárcanse nun proceso migratorio con multitude de perigos, cruzan o mar, atravesan bosques, saltan muros… E, nese camiño, son as mulleres e as nenas as que máis se expoñen aos riscos, incluíndo a discriminación e a violencia sexual. Ademais, a falta de formación específica en xénero do persoal encargado da recepción e de dar a información e a falta de intérpretes femininas supón un obstáculo importante para o acceso aos servizos esenciais, tales como o acceso á saúde sexual ou a asistencia xurídica.

E as persoas migrantes esperan, son pacientes (“pasámonos o día agardando” adoitan dicir): colas para trámites de solicitude de asilo, empadroamentos, limbos interminables… no medio dun silencio administrativo acrecentado por esta pandemia.

E é que todos estes factores en contra repercuten no estado de saúde da persoa migrante que, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), é un estado de completo benestar físico, mental e social, sendo un dos dereitos fundamentais de todo ser humano. Lonxe de alcanzar este dereito universal, todas as trabas que teñen que superar estas persoas contribúen a acrecentar a fenda que constitúen as desigualdades sociais que, no caso concreto das persoas migrantes e segundo Margaret Whitehead, serían ademais inxustas e innecesarias.

E tamén agardan nas nosas consultas, con problemas de accesibilidade, debido á falta dunha lei efectiva de acceso universal, acrecentados pola pandemia. Cada vez atendemos a máis persoas migrantes, supoñendo xa unha considerable porcentaxe das nosas cotas de pacientes. Son persoas ás que nos costa atender porque non nos entendemos ben, pola dificultade idiomática e as diferenzas culturais. A coñecida lei de coidados inversos demostra que dedicamos máis tempo nas nosas consultas a quen menos o necesita. É preciso rachar con esta lei e investir tempo na atención das persoas migrantes, poñernos as lentes de atención comunitaria e facer unha abordaxe integral dos seus problemas.

Ninguén é ilegal

Outra cousa é que, baixo certas normas e situacións, se sitúen nunha situación irregular, a cal responde a políticas de control ratificadas no novo pacto migratorio

Pese a isto, o ser humano non deixará de desprazarse, sempre encontrará a maneira. Polo que quizá a lóxica perversa de gastar máis diñeiro no control que na integración non teña moito sentido. Detrás de cada persoa refuxiada, o migrante que chega a Europa, hai moito diñeiro público invertido en control: valados, campos de refuxiados, CIEs… Gástase oito veces máis diñeiro en poñer cravos nos muros, por exemplo, da fronteira sur, que en programas de acollida ou integración. Gástase máis na atención sanitaria urxente que nunha atención centrada na prevención e na atención precoz das enfermidades.

Quizais a solución pase por pasar de respostas temporais a solucións duradeiras (integración local, reasentamento), pensar nas persoas migrantes en termos positivos en vez de negativos, e deixar de entender este fenómeno como un problema para comezar a velo como un vector importante do cambio social, económico e cultural.

GRUPO DE INEQUIDADES EN SAÚDE E SAÚDE INTERNACIONAL DA AGAMFEC

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Emprego de cookies

Este sitio web emprega cookies para que poida disfrutar da mellor experiencia coma usuario. Se vostede continúa navegando, consinte e acepta as mencionadas cookies e a nosa política de cookies, Pinche no enlace para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies