Agamfec non se mostra satisfeita coa resposta da Universidade de Santiago de Compostela

  • Os mecanismos que existen para a convocatoria de prazas, froito do convenio entre a USC e o Sergas, non favorecen a tan desexada aposta pola igualdade, o mérito e a capacidade
  • Dúas das tres prazas de Profesor Asociado de Ciencias da Saúde non están preto da capital nin de cidades das que provén o groso de estudantes, como estes reclamaran nas súas reivindicacións

Santiago, 16 de xaneiro de 2020. Representantes da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) reuníronse esta semana co vicerreitor de Profesorado da Universidade de Santiago de Compostela, Ernesto González Seoane, trala denuncia realizada a pasada semana. Na mesma, Agamfec criticaba o financiamento dunha praza de profesor asociado de Medicina de Familia para a Facultade de Medicina que está financiada por unha sociedade científica de Atención Primaria. Ademais, puña en dúbida que as tres novas prazas de Profesores Asociados de Ciencias da Saúde (PACS) en Medicina de Familia que se convocarán proximamente se perfilaran de tal maneira que se esixe que sexan para profesionais de tres Centros de Saúde concretos: Valga, Porto do Son e Concepción Arenal, en Santiago de Compostela, onde desenvolven a súa labor profesional tres distinguidos membros da sociedade científica anteriormente mencionada.

Trala reunión, os representantes de Agamfec puideron corroborar que a convocatoria de prazas na Universidade de Santiago non se fai de maneira correcta. A entrevista, nun ton cordial e moi receptiva, puxo de manifesto que os mecanismos que existen, froito do convenio entre a USC e o Sergas, non favorecen a tan desexada aposta pola igualdade, o mérito e a capacidade. A Universidade deféndese afirmando que a selección do perfil das prazas de Profesor Asociado de Ciencias da Saúde vén decidida polo Sergas e, “por lealdade institucional e descoñecemento da realidade asistencial e docente dos nosos Centros de Saúde’, o centro universitario tan só a aproba. Da mesma maneira, recoñece que non existe un baremo para decidir en que centros se poden ou deben convocar, e só alega ampararse nas peticións do estudantes, é dicir, que os centros estean próximos a Santiago de Compostela ou das grandes cidades nas que residen os estudantes. No obstante, Agamfec pon en dúbida estes criterios, xa que dúas das tres prazas non corresponden a ningún dos dous, pois nin Valga nin Porto do Son se atopan preto da capital nin son urbes de procedencia maioritaria de estudantes.

A conclusión que extrae a asociación médica é que é o propio Sergas o que actúa “sen escrúpulos e arbitrariamente’, favorecendo desta maneira determinados intereses que se atopan lonxe da excelencia. De esta maneira, sen control, sen rigor e sen transparencia, a administración sanitaria galega volve “dar a talla en ineficacia e falta de seriedade, cunha falta de control nas súas decisión”. “Unha vez máis se xuntaron as dúas institucións, que deberían ser modélicas, e nos deixan unha imaxe de moi pouca categoría”, critica Agamfec.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Emprego de cookies

Este sitio web emprega cookies para que poida disfrutar da mellor experiencia coma usuario. Se vostede continúa navegando, consinte e acepta as mencionadas cookies e a nosa política de cookies, Pinche no enlace para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies