Manifiesto Observatorio de Salud Comunitaria y COVID19

COVID-19: Unha resposta comunitaria para unha pandemia global

O Observatorio de Salud Comunitaria y COVID-19, un grupo multiprofesional plural e diverso que, no seno da Alianza de Salud Comunitaria, debate e reflexiona sobre unha posible orientación salutoxénica dende o ámbito da saúde comunitaria na abordaxe da emerxencia sanitaria xerada pola COVID-19, fixo público un comunicado mediante o cal invita a políticos e xestores dos sistemas sanitarios a escoitar e entender que se está esquecendo a influencia que os determinantes sociais e as condicións de vida en cada poboación e territorio están a ter no desenvolvemento desta pandemia. Dada a necesidade dun cambio de enfoque na súa abordaxe cara a un centrado na saúde comunitaria e o apoderamento e a participación activa dos cidadáns, a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), apoia os argumentos que defende este escrito e subscribe as propostas que nel se fan.

O Observatorio de Salud Comunitaria lembra que a abordaxe da pandemia predominante é resultado dun sistema sanitario centrado na enfermidade, cun enfoque biomédico e hospitalocentrista que esquece a promoción da saúde e a participación comunitaria en saúde. É coñecida a desigual incidencia da pandemia nos distintos territorios e grupos de poboación, determinada fundamentalmente polas condicións de vida, en estreita relación co nivel socioeconómico. A información sobre a pandemia céntrase fundamentalmente no número de novos casos, ingresos e defuncións, constatando as diferencias xeográficas por cidades e barrios sen entrar nas súas causas nin orientar cara solucións.

Este grupo fai fincapé en que existen outras formas complementarias de orientar as accións que serían eficaces para diminuír os contaxios e aplanar a curva, así como para atender mellor aos grupos máis vulnerables. É necesario coñecer e entender os contextos de poboacións e territorios que determinan as súas condicións de vida.

No manifesto COVID-19: Unha resposta comunitaria para unha pandemia social, fanse unha serie de propostas concretas para buscar este cambio de enfoque cara un que diminuiría contaxios e aplanaría a curva e reivindica que se teñan en conta as condicións de vida, o papel da comunidade, a reorientación do sistema sanitario cara a Atención Primaria e o reforzamento da saúde pública.

Propostas

  • Visibilizando aos invisibles. As condicións de vida inflúen na desigual distribución do virus Asignación de recursos económicos, humanos e materiais potenciando os servizos públicos en función das necesidades adaptadas a cada circunstancia e contexto, con especial énfase nos grupos vulnerables e cun enfoque para reducir as inequidades en saúde.
  • Reivindicación do papel da comunidade no aplanamento da curva, integrando a mirada ao individual no seu contexto comunitario. Identificar e recoñecer as redes comunitarias que deben participar no deseño e aplicación de accións en cada territorio, así como asignar recursos e ferramentas que faciliten os procesos que o permitan.
  • Coidando a narrativa. Non culpabilizar, sinalar nin estigmatizar, senón promover a saúde. Cambiar a orientación da información e recomendacións á cidadanía polos organismos públicos e medios de comunicación, fuxindo da estigmatización fomentando a culpa cara “o outro”. Informar sobre determinantes sociais e as condicións de vida que dificultan de forma moi desigual o seguir as recomendacións de prevención. Desenvolver políticas de promoción de saúde con participación de cidadáns e organización.
  • Reorientando o sistema sanitario cara a Atención Primaria, porta de entrada da comunidade. Reverter a tendencia hospitalocentrista na asignación de orzamentos e aumentar a inversión finalista destinada a Atención Primaria, adaptando a asignación de recursos humanos, materiais e económicos en función das necesidades e a complexidade de cada territorio, facendo posibles os cambios estruturais e organizativos que permitan aos centros de saúde volver poñer o foco nas comunidades.
  • A saúde pública creando sinerxías entre sociedade e sistema sanitario. Dotar dos recursos económicos, humanos e tecnolóxicos suficientes para que poidan existir espazos de traballo e cooperación efectivo entre os servizos de saúde pública, os concellos e Atención Primaria. Reforzar de forma efectiva os consellos de saúde como espazos comunitarios de especial relevancia na vida comunitaria dos barrios. Aumentar a inversión en servizos de saúde pública que os faga potentes e efectivos, fomentando contratacións e condicións laborais atractivas para crear servizos que poidan dar resposta ás necesidades de cada territorio cun maior enfoque en epidemioloxía social e estratexias de promoción da saúde.

Dende Agamfec invitamos a todos os que queiran subscribir este manifesto, ben sexan asociacións ou a título persoal, a adherirse ao mesmo a través da páxina web do Observatorio de Salud Comunitaria y COVID-19.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Emprego de cookies

Este sitio web emprega cookies para que poida disfrutar da mellor experiencia coma usuario. Se vostede continúa navegando, consinte e acepta as mencionadas cookies e a nosa política de cookies, Pinche no enlace para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies