Riesgo Cardiovascular - Agamfec

“A eliminación de condutas de risco para a saúde faría posible evitar o 80% das enfermidades cardiovasculares”

No marco da celebración do Día Europeo para a Prevención do Risco Cardiovascular, a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) quere subliñar a importancia da prevención para evitar as enfermidades cardiovasculares. Para o doutor Luis Fransi, coordinador do Grupo de Traballo de Enfermidades Cardiovasculares da Asociación, é “a pedra angular da abordaxe destas enfermidades”, e lembra que tres dos hábitos máis importantes son a dieta, o exercicio físico e o cese do hábito tabáquico. “A eliminación de conductas de risco para a saúde faría posible evitar, polo menos, o 80%” destas enfermidades”, asegura o doutor Fransi.

No relativo á dieta, existen estudos, como o PREDIMED, que destacan que a mediterránea é a única que ten demostrado reducir a súa incidencia. “Neste estudo, realizado en España entre individuos de alto risco cardiovascular pero sen antecedentes de enfermidades vascular isquémica, se demostrou que este tipo de dieta suplementada con aceite de oliva virxe extra ou froitos secos conseguía unha redución da incidencia de enfermidades cardiovasculares do 29%”, explica Fransi.

Por outra banda, a práctica de exercicio físico regular ten un grande beneficio en todas as idades e se pode chegar a traducir nunha redución da mortalidade, vascular e por calquera causa, de ata o 20 ou 30%, pois “ten efectos beneficiosos sobre múltiples factores de risco: hipertensión, o perfil lipídico e glucémico e o índice de masa corporal”.

Por último, o abandono do consumo de tabaco é, de todas as estratexias, a máis custe-efectiva. “En suxeitos fumadores que sufriron un infarto agudo de miocardio, o abandono do tabaco tralo mesmo consegue reducións do 43% na aparición dun novo episodio e do 26% de mortalidade en comparación cos que continúan fumando”.

Existen diferentes niveis de prevención sobre os que actuar na abordaxe das enfermidades cardiovasculares. A prevención primaria consiste en actuar sobre as persoas que presentan factores de risco cardiovascular pero que non desenvolveron enfermidades. “Como o 90% dos eventos se deben a factores de risco modificables, as intervencións conductuais teñen demostrado unha grande utilidade no control poboacional e comunitario de factores de risco”, asegura o coordinador do Grupo de Traballo de Enfermidades Cardiovasculares de Agamfec.

Por exemplo, o programa Fifity-Fifty, levado a cabo para axudar a persoas adultas a corrixir os seus malos hábitos de saúde e autocontrolar os principais factores de risco mediante talleres formativos e de motivación e grupos de apoio entre iguais, “logrou unha redución significativa da puntuación de risco, sobre todo por unha redución de peso e cese do hábito tabáquico”.

Tamén é importante a prevención primordial ou promoción da saúde cardiovascular, actuando sobre pacientes que aínda non teñen factores de risco para evitar que os adquiran. O doutor Fransi considera que se debe “actuar na idade pediátrica, pois nos últimos anos aumentou a prevalencia de obesidade, hipertensión e diabetes mellitus tipo 2 entre os máis pequenos, asociada sobre todo aos malos hábitos alimenticios e sedentarismo”.

Algúns exemplos desta prevención primordial na infancia son o Programa SI! de saúde integral, no que se demostrou un grande impacto no coñecemento, as actitudes e os hábitos de vida a través dun programa de intervención en escolas, ou o estudo Familia, un programa escolar dirixido á promoción de actividade física, dieta saudable, coñecemento do corpo e corazón e manexo de emocións.

E, cales son os principais retos de dita prevención? Luis Fransi ten claro que “os profesionais sanitarios e a administración deben intervir individual e colectivamente para propoñer accións co fin de reducir o risco cardiovascular”. Así, destaca a importancia de que as estratexias poboacionais de saúde estean “orientadas á promoción de estilos de vida saudables, propoñendo comportamentos individuais e estratexias a escala poboacional”.

Un dos problemas é que a xente subestima os perigos derivados das patoloxías cardíacas. “Para poder mellorar a calidade de vida do paciente é necesario que este sexa consciente e se responsabilice de que ten que modificar os seus hábitos de conducta ou de vida, así como outras variables socioculturais”, explica o doutor Fransi.

A prevención do risco cardiovascular é de vital importancia, pois as enfermidades do sistema circulatorio son a primeira causa de morte en España e produciron o 29,17% dos falecementos de 2016 no país. A enfermidade isquémica do corazón e a enfermidade cerebrovascular producen en conxunto preto do 50% da mortalidade cardiovascular total, sendo a primeira, cun 27%, a que máis mortes ocasiona.

Aínda así, en España a taxa de mortalidade por enfermidade cardiovascular descendeu por undécimo ano consecutivo. “Aproximadamente a metade da baixada producise polas melloras no tratamento. A outra metade atribúese a un mellor control dos factores de risco na poboación xeral”, segundo explica o coordinador do Grupo de Traballo de Enfermidades Cardiovasculares da Agamfec.

En España, os custes sanitarios directos das enfermidades cardiovasculares son de 119 euros por persoa e ano, é dicir, un 9% do gasto total en sanidade. Isto supón que, en 2014, o custe directo de atención sanitaria ascendeu a 5.900 millóns de euros.

A Atención Primaria é clave na prevención do risco cardiovascular e os seus profesionais deben implicarse en todos os niveis de prevención, en especial en prevención primaria, cun adecuado tratamento para conseguir o control dos factores de risco. “Tamén debemos implicarnos con pacientes que xa tiveran un evento cardiovascular ou secuelas dos mesmos, sen esquecer os aspectos relacionados coa prevención cuaternaria, é dicir, o conxunto de actividades que intentan evitar, reducir e paliar o prexuízo provocado pola intervención médica”, conclúe o doutor Fransi.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Emprego de cookies

Este sitio web emprega cookies para que poida disfrutar da mellor experiencia coma usuario. Se vostede continúa navegando, consinte e acepta as mencionadas cookies e a nosa política de cookies, Pinche no enlace para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies