citologias investigación

“Só o 24% das mulleres participantes acertou a dicir para que sirve unha citoloxía e o 14% con que frecuencia debe realizarse

Que saben as mulleres sobre o cancro de cérvix? Iso foi o que se preguntaron Alexandre Loureiro Faro, Marta Mariño Martínez, Laura Otero Medina e Manuel Soto López, todos eles médicos residentes en diferentes centros de saúde de Vigo, cando comezaron a pensar no seu proxecto de investigación. Mediante unha enquisa levada a cabo entre mulleres de diferentes asociacións da cidade olívica descubriron que había una gran descoñecemento

A súa investigación Cribado de cancro de cérvix: Que sabemos as mulleres en Vigo?  foi galardoado cun dos dous accésits entregados pola Unidade docente da Área sanitaria de Vigo e o grupo de investigación en Servicios de la Salud (i-Saúde) do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) no marco do IV Premio de Investigación en Atención Primaria de Vigo. Unha das médicos residentes que traballaron neste proxecto, Marta Mariño Martínez, fala nesta entrevistas das claves desta investigación

Podes facer un pequeno resumo do voso proxecto?

Sorprendeunos dende o principio como funcionaba o cribado de cancro de cérvix no SNS e, en concreto, en Galicia, porque ao non haber en IANUS ningunha ferramenta que nos permita ver se a muller que temos en consulta ten feita a citoloxía e hai canto tempo queda relegada a responsabilidade ou ben na propia paciente ou ben no médico. Iso, xunto co feito de que tiñamos a sensación de que se está cumprindo a lei de coidados inversos, é dicir, que as que tiñan a proba feita eran, sobre todo, as mulleres con menos risco de padecer a enfermidade, nos fixera plantexarnos a situación e intentar ver se é verdade que vivimos na era da información e resulta que temos una proba que é totalmente custo-eficiente para detectar precozmente unha neoplasia, estas mulleres terán que saber para que sirve a proba, cada canto se fai, etc. E foi o que nos propuxemos investigar.

Cal foi o método seguido?

Non había nada similar feito en castelán, así que fixemos unha enquisa, que non está validada porque foi deseñada por nós e tivo o visto bo da UDMFC, e o máis difícil foi chegar á xente, ás mulleres de todas as capas sociais. Primeiro tiñamos pensado facelo online pero había unha morea de requirimentos bastante difíciles de conseguir, polo que acabamos facéndoa autoadministrada e en soporte físico.

Como fixéchedes para chegar ás mulleres para a enquisa?

Nun principio foi un problema grande chegar a toda as mulleres, porque se as poñiamos nos centros de saúde ían facelas as catro ou cinco mulleres de sempre, a xente que xa está concienciada con estes temas. Así que optamos por poñernos en contacto con diferentes asociacións de mulleres, centros socioculturais dos barrios e outro tipo de asociacións locais para poder poñer unha urna nas súas instalacións e que participasen as mulleres que alí acudían. Unha vez que tivemos un coordinador en cada centro que nos axudou a difundir a enquisa e demais foi todo máis rodado.

Foi complicado que as mulleres se animaran a falar deste tema?

A verdade é que chegamos a bastante xente. O N final sorprendeunos gratamente. Aínda así, o perfil de muller foi o que previamos que ía contestar. Por exemplo, só temos un 4% de migrantes, un 4% de mulleres que din pertencer ao colectivo LGTBI+, a pesar de que puxemos unha urna na Fundación Secretariado Gitano e aí colaboraron moito ningunha muller que se declare a si mesma xitana cubriu a enquisa… Por tanto, ao final, é moi difícil chegar a según que perfís.

Como de grande é o descoñecemento sobre as citoloxías? Sabemos o que son?

Non, e iso é o máis sorprendente. Tivemos 632 respostas, o perfil maioritario eran mulleres con estudos superiores, non relacionadas co ámbito sanitario, entre 35 e 45 anos e o 43% delas dicía ter recibido formación sobre temas de sexualidade e sobre o virus do papiloma humano e, aínda así, só o 24% acertaba a dicir para que sirve unha citoloxía e o 14% con que frecuencia debe realizarse. Se polo menos tiveramos recollido un perfil de mulleres máis novas… Pero non, eran mulleres de idade madura, con estudos superiores que referían saber destes temas e, aínda así, fracasaron estrepitosamente. Malia iso, contestan correctamente para que sirve un preservativo ou outras cousas, é curioso. A nós chamounos moitísimo a atención.

A que conclusións chegáchedes con estes resultados?

Ao primeiro nos fixo pensar que, evidentemente, o cribado debería ser poboacional, e isto xa está aprobado a nivel nacional e será cuestión de tempo. Pero o ideal é que teñamos unha poboación que saiba para que sirve esta proba e por que se fai, non que vaian sen saber por que a facer unha proba cada X anos. Sobre todo porque hai moitos outros temas nos que non hai cribado, e nunca o haberá a nivel poboacional, e igualmente debemos saber como chegar á poboación, como ser efectivos nas mensaxes e ese é un gran reto.

Que cres que se pode facer dende a Atención Primaria para conseguilo?

No miña opinión é un traballo entre Atención Primaria e unha parte de Política Social. Os médicos temos que saír da consulta máis, coñecer a nosa contorna máis que os antecedentes persoais, a medicación activa, etc. Que, por suposto, é fundamental, pero hai que saír das catro paredes da consulta, non chegamos de maneira efectiva a todas as capas da poboación, para empezar porque vén un 20% do cupo, polo que temos un 80% fóra. Aínda así, aínda que o médico saíra da consulta, penso que fai falta unha cultura social moito máis activa. Segue relegándose moito en “o que me recomenda o médico”, polo que os pacientes depositan en nós moito peso en decisións que, si foran pacientes informados, poderían atopar de forma autónoma. Por iso, penso que non depende só dos médicos, porque a cultura sanitaria debería emanar doutros ámbitos, no sempre dos médicos como autoridade.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Emprego de cookies

Este sitio web emprega cookies para que poida disfrutar da mellor experiencia coma usuario. Se vostede continúa navegando, consinte e acepta as mencionadas cookies e a nosa política de cookies, Pinche no enlace para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies